Máis de 563.000 contribuíntes recibiron ata agora a devolución do IRPF de maternidade e paternidade, por importe de 733 millóns de euros
Situación do proceso de devolución
-
Os contribuíntes con dereito a devolución recibiron 1.300 euros de media. No caso das mulleres, a devolución media acada os 2012 euros e nos homes os 470 euros
-
Nas últimas semanas recibíronse máis de 180.000 solicitudes de devolución no marco dun proceso que segue aberto
-
O inicio das devolucións a empregados públicos de acordo co Real decreto-lei de finais de decembro está pendente de que a Axencia Tributaria vaia recibindo toda a información de parte das distintas administracións públicas pagadoras
26 de marzo de 2019.- Máis de 563.000 nais e pais recibiron ata agora a devolución do IRPF vinculado cos permisos de maternidade e paternidade gozado entre 2014 e 2017. A suma das cantidades (devolución máis intereses) reintegradas a estas persoas, a raíz da sentenza do Tribunal Supremo do 3 de outubro que declarou exentas as prestacións públicas por maternidade da Seguridade Social, supera os 733 millóns de euros.
Estas cifras non son definitivas, xa que os contribuíntes seguen presentando solicitudes. De feito, nas últimas sete semanas recibíronse preto de 180.000 solicitudes de devolución.
Adicionalmente, existe toda unha serie de supostos complexos que requiren dun maior tempo de comprobación previa antes de resolver positiva ou negativamente unha solicitude, entre os cales caben destacar as solicitudes duplicadas, tamén aquelas en que consta unha conta bancaria incorrecta ou non consta conta, e casos de declaracións que xa foron no seu momento obxecto dunha comprobación.
Os casos complicados poden vir tanto da complexidade da situación tributaria do solicitante, como da propia declaración presentada no seu día, xa que a determinación da cantidade concreta que debe ser obxecto de devolución esixe un recálculo de toda a declaración e, polo tanto, afecta a aspectos tan diversos como as rendas exentas e non exentas, as reducións, modalidade de declaración, etc.
Nestes momentos, sobre un total de 1.021.000 solicitantes, resolveuse a solicitude de 733.000 e, sobre estes últimos, correspondeu practicar devolución a 563.000 contribuíntes, o que supón o 76,8% de todos aqueles con solicitude resolta. Hai que ter en conta que non todas as solicitudes xeran un dereito de devolución na medida en que hai contribuíntes que non sufriron retención ou non aboaron cotas no IRPF por partir de niveis baixos de renda. Os contribuíntes con dereito a devolución recibiron 1.300 euros de media. En concreto, as mulleres recibiron de media 2012 euros e os homes 470 euros.
No que fai ás retencións practicadas en 2018, lémbrase que os contribuíntes non deben realizar ningún trámite, xa que a súa declaración da Renda dese ano, que se presenta a partir do próximo 2 de abril, xa incorporará as prestacións como exentas e as retencións soportadas serán deducibles. En todo caso, como calquera outro dato fiscal que ofrece a Axencia Tributaria, recoméndase a súa revisión por parte do contribuínte antes de presentar a declaración.
No referente ao proceso de devolucións a empregados públicos, habilitado polo Real decreto-lei de finais de decembro, está pendente de que a Axencia Tributaria vaia recibindo toda a información de parte das distintas administracións públicas pagadoras e espérase poder abriro en próximas datas.