Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria recibe o premio de Política Territorial e Función Pública á innovación polo servizo 'DIVA' de devolución do IVE a viaxeiros

Premio á innovación na xestión pública

  • Case 60 aeroportos, portos e aduanas terrestres contan xa con este sistema de validación electrónica para  o selado de documentos aos viaxeiros con dereito ao reembolso do IVE
  • Con motivo do ‘Brexit’, e ao obxecto de facilitar a devolución do imposto aos cidadáns británicos, a Axencia reforzou as aduanas máis afectadas con 38 novos quioscos DIVA 

6 de abril de 2021.- A Axencia Tributaria recibiu hoxe o Premio á Innovación na Xestión Pública que outorga o Ministerio de Política Territorial e Función Pública pola dixitalización do proceso de devolución do IVE a viaxeiros (‘DIVA ’). O sistema encóntrase xa implantado en 58 aeroportos, portos e aduanas terrestres de España para facilitar o reembolso do imposto a viaxeiros non residentes na Unión Europea.

O ministro de Política Territorial e Función Pública, Miquel Iceta, entregou o galardón ao director xeral da Axencia Tributaria, Jesús Gascón,  no marco da XIII edición dos ‘Premios á Calidade e Innovación na Xestión Pública’, celebrada en Madrid.

Con este galardón recoñécese como práctica innovadora na xestión pública a dixitalización completa do proceso de devolución de IVE a viaxeiros e a conseguinte superación dos inconvenientes que supuña aos turistas extracomunitarios o antigo sistema manual para o selado dos documentos acreditativos do dereito ao reembolso do imposto.

A Axencia Tributaria aliñou neste proxecto o necesario labor do control tributario e aduaneiro e o seu compromiso de servizo público, creando un proceso de alto valor engadido dentro do turismo de compras.

Facilidades ao pequeno comercio

Un elemento esencial no proxecto ‘DIVA’, que entrou en funcionamento fai agora máis de catro anos, foi a creación dun modelo sensible ás necesidades do pequeno comercio. A Axencia Tributaria estableceu un sistema dixital que permite a todo tipo de empresas, con independencia da súa capacidade tecnolóxica, o fácil acceso aos beneficios comerciais da devolución do IVE a viaxeiros. Neste sentido, o 96% dos comercios que facilitan o uso da DIVA aos viaxeiros son pequenas e medianas empresas (o 49%, microempresas).

O sistema ‘DIVA’ tivo como piar básico a colaboración estratéxica entre o sector público e o sector privado para conxugar as necesidades do comercio, as institucións portuarias e aeroportuarias, as institucións públicas con competencias no sector turístico e de comercio, e os propios turistas que nos visitan cada ano.

Reforzo polo Brexit

Con motivo da entrada en vigor efectivo do ‘Brexit’, o pasado 1 de xaneiro, a Axencia Tributaria reforzou con 38 novos quioscos ‘DIVA’ as aduanas máis afectadas polo movemento de viaxeiros con orixe ou destino Reino Unido, aos efectos de facilitar a devolución do imposto aos cidadáns británicos.

O sistema de devolución é moi sinxelo. O viaxeiro efectúa as compras nunha tenda que ofreza o formulario electrónico DIVA (de uso obrigatorio desde o ano 2019), a tenda entrégalle un documento de reembolso cun código de barras ou código QR e o viaxeiro valida ese documento nun quiosco ‘DIVA’ sen necesidade de acudir a unha oficina de Aduanas. Finalmente, co documento validado, pode solicitar o reembolso nunha empresa colaboradora ou directamente á tenda.