Saltar ao contido principal

Incautado un pesqueiro en mar aberto ao este das Canarias con 15 toneladas de haxix a bordo

Operación da Axencia Tributaria, Garda Civil e Policía Nacional

  • Detidos os catro tripulantes do buque ‘Odyssey 227’, de bandeira de Mongolia, e intervida a droga, que se encontraba na adega da embarcación
  • A abordaxe foi realizada pola patrulleira ‘Sacre’ de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, no marco dunha operación conxunta dos tres corpos

1 de xuño de 2021.- A Axencia Tributaria, en colaboración con Garda Civil e Policía Nacional, interveu na madrugada de hoxe, no marco da operación ‘Auga mollada’, un pesqueiro con bandeira de Mongolia que portaba preto de 15 toneladas de haxix. A abordaxe do buque, de nome ‘Odyssey 227’, foi realizado pola patrulleira ‘Sacre’ de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, con base en Las Palmas de Gran Canaria, a unhas 30 millas ao este de Fuerteventura, en augas internacionais

O pesqueiro era obxecto dunha investigación desenvolvida pola Oficina de Investigación Marítima de Vixilancia Aduaneira en Galicia, Policía Nacional e Garda Civil.

A abordaxe, realizado tras a solicitude ás autoridades consulares de Mongolia de acordo co previsto polo Convenio de Viena da Nacións Unidas contra o tráfico ilícito de estupefacientes, foi levado a cabo sen encontrar resistencia por parte da tripulación do pesqueiro.

Non obstante, o mal estado do mar e a natureza propia da operación creou unha situación de extrema dificultade no momento en que, durante o asalto, caeu á auga o xefe da Tripulación de Presa da patrulleira ‘Sacre’, que decontado puido ser rescatado polos seus compañeiros, continuando coa misión.

A bordo do pesqueiro foron detidos os catro tripulantes; o capitán, de nacionalidade italiana, e o xefe de máquinas e mariñeiros de nacionalidade senegalesa.

O pesqueiro, canda a droga aprehendida e os catro tripulantes foi escoltado ata o porto de Las Palmas, onde chegou cara ás cinco da tarde, hora local.

Investigación previa

A investigación, coordinada polo CITCO (Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e Crime Organizado), deu lugar á fase de explotación, cando a Oficina de Intelixencia Marítima de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria nas Canarias corrobora a hipótese inicial da oficina de VAI en Galicia en relación cunha navegación sospeitosa do buque ‘Odyssey’ en augas próximas a Canarias.

Finalmente, tómase a decisión da saída ao mar da patrulleira ‘Sacre’, debido aos fortes indicios de que o pesqueiro estaba cargado con substancias estupefacientes.

As Oficinas de Investigación Marítimas, creadas pola Axencia Tributaria en todas as Delegacións Especiais con costa, están desenvolvendo novas ferramentas de investigación para contrarrestar o aumento do narcotráfico por vía marítima, tanto de haxix coma de cocaína, que se detecta nos últimos anos.  Estas oficinas analizan os tráficos e rutas de pesqueiros e mercantes en zonas de risco para detectar posibles operacións ilegais.

Modificación de rutas do haxix

Nos últimos tempos produciuse un cambio significativo nas rutas do tráfico de haxix de orixe marroquí. A tradicional ruta do ‘Mediterráneo oriental’, con cargas  fronte á costa mediterránea de Marrocos e traslado da substancia estupefaciente presumiblemente a Libia, reduciuse significativamente, sendo substituída por unha nova ruta, a denominada ‘ruta atlántica do haxix ’, que se caracteriza por cargas da substancia estupefaciente fronte á costa atlántica marroquí e o seu traslado mediante embarcacións con destino presumible a Guinea Bissau, Guinea Conakry, Serra Leoa, Senegal, etc., onde sería alijada para o seu posterior traslado por terra, atravesando o continente africano pola ruta do Sahel , con destino presumible a Libia e posterior entrada ao continente europeo.

A intelixencia sinala que esta nova ‘ruta atlántica do haxix ’, xorde ao ser considerada polas organizacións unha ruta máis segura que a antiga ruta do ‘Mediterráneo oriental’ -onde as autoridades italianas, francesas e españolas levaron a cabo múltiple incautacións.

Filmación do operativo (para descargar o vídeo débese introducir o seguinte enderezo web):

https://we.tl/t-CQcdPrTJXH