Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria, traballadores autónomos e pemes crean dous foros para impulsar a relación cooperativa

Novos foros de comunicación en materia tributaria.

  • Representantes da UPTA, ATA e UATAE serán membros do foro de Traballadores Autónomos, mentres que CEOE e Cepyme participarán no foro de pemes
  • Créanse dous grupos de traballo dentro de cada foro, un dedicado á análise normativa e a proxectos de dixitalización, e outro destinado a analizar e aprobar senllos códigos de boas prácticas para ambos os dous colectivos
  • Os foros teñen entre os seus obxectivos a redución de cargas administrativas, a mellora da seguridade xurídica, o fomento da administración electrónica e a colaboración na prevención e loita contra a fraude

16 de febreiro de 2022.- A Axencia Tributaria e as principais federacións e asociacións de pemes e autónomos constituíron hoxe dous foros para impulsar a relación cooperativa baixo os principios de transparencia e confianza mutua. O acto de constitución contou coa presenza do secretario de Estado de Facenda, Héctor Izquierdo e do director xeral da Axencia Tributaria, Jesús Gascón, así como dos membros dos foros en representación de autónomos e pemes, e da propia Axencia.

O foro de Traballadores Autónomos contará coa participación de representantes da Unión de Profesionais e Traballadores autónomos (UPTA), a Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos (ATA) e a Unión de Asociacións de Traballadores Autónomos e Emprendedores (UATAE). Pola súa parte, o foro de Pequenas e Medianas Empresas contará coa presenza da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) e a Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa (Cepyme). Os foros estarán presididos polo director xeral da Axencia Tributaria e serán membros tamén de ambos os dous os titulares dos departamentos de Xestión, Inspección, Recadación e Informática, así como o titular do Servizo de Planificación e Relacións Institucionais. 

Entre os obxectivos dos foros inclúese a redución das cargas administrativas, a divulgación das novas facilidades que vai ofrecendo a Axencia para o cumprimento das obrigas fiscais e o fomento do uso da administración electrónica nas relacións de autónomos e pemes coa Axencia Tributaria, todo iso en favor dunha mellora na aplicación do sistema tributario. De igual forma, colaborarase na prevención e loita contra a fraude fiscal.

Grupo de traballo de dixitalización e análise normativa

Ampliando estes obxectivos xerais, no seo dos foros créanse dous grupos de traballo específico. Un deles estará dedicado a impulsar o desenvolvemento de proxectos de dixitalización de pemes e autónomos, así como á análise dos seus réximes de tributación para asegurar a súa adecuación á realidade económica e empresarial destes colectivos e a mellora da súa seguridade xurídica.

O proxecto de dixitalización pretende modernizar a xestión administrativa de pemes e autónomos e facilitar o cumprimento das súas obrigas formais a partir de sistemas de facturación segura que, ao mesmo tempo, contribuirían á redución da fraude que se xera mediante o denominado ‘software de dobre uso’.

Para erradicar estes programas de ocultación de vendas, a lei ‘antifraude’ de 2021 estableceu medidas que agora se deben completar por vía regulamentaria cun estándar mínimo a cumprir na fabricación e comercialización e tenza deste ‘software’ de facturación.

Nese contexto, e de acordo co previsto no Compoñente 27 do Plan de Recuperación, a Axencia xa vén mantendo reunións coas organizacións representativas de pemes e autónomos para os efectos de ir analizando alternativas técnicas na configuración disto programas, de xeito que non só permitan o cumprimento da prohibición do ‘software de dobre uso’, senón que o mesmo produto tamén ofreza posibles solucións dixitais integrais para o cumprimento das obrigas de facturación e rexistrais.

Código de boas prácticas

O segundo grupo de traballo estará dedicado á elaboración de dous códigos de boas prácticas, un para traballadores autónomos e outros específico para pequenas e medianas empresas, que poidan ser asinados polas asociacións e federacións representativas destes colectivos, e aos que poidan adherirse os propios autónomos e pemes que o desexen.

Estes códigos permitirán expresar o compromiso das partes, administración e empresarios e profesionais, co cumprimento voluntario das obrigas fiscais, para o cal se reforzan os instrumentos de colaboración co obxectivo de impulsar a seguridade xurídica, a redución da conflitividade no ámbito tributario, os servizos que se prestan aos autónomos e pemes, a formación que hai que ofrecer a estes colectivos e a transparencia e a prevención e loita contra a fraude fiscal e a economía mergullada.

Avánzase así no desenvolvemento dun modelo de relación cooperativa entre a Axencia e os contribuíntes que xa se traduciu na creación dun código de boas prácticas tributarias no foro de Grandes Empresas no ano 2010 e outro específico para asociacións e colexios profesionais en 2019.