Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria publica hoxe na súa web o formulario de solicitude do pagamento único de 200 euros para persoas con baixos ingresos e patrimonio

Axuda para traballadores por conta propia ou allea e desempregados

  • Xa están dispoñibles os primeiros servizos de axuda, que incluirán folletos, vídeos explicativos, solución de dúbidas frecuentes e carteis informativos nas oficinas

  • Ao ser necesaria a solicitude por vía electrónica, requírese a alta dos solicitantes no sistema ‘Clave’, que se pode realizar por Internet, por videochamada ou presencialmente nas oficinas da Axencia

  • O formulario de solicitude definiuse contando coa información doutros organismos que resulta necesaria para axilizar a tramitación

  • Para a solicitude unicamente cumprirá achegar os datos identificativos e domicilio do solicitante e das persoas coas que convive no fogar, así como un teléfono de contacto e o número de conta bancaria para facer efectivo o pagamento

8 de xullo de 2022.- A Axencia Tributaria puxo hoxe a disposición de todos os posibles beneficiarios o formulario en liña co que solicitar a axuda de 200 euros para persoas con baixos ingresos e patrimonio que establece o Real Decreto-lei 11/2022, do 25 de xuño. O formulario para esta liña directa de axuda en pagamento único definiuse contando coa información doutros organismos públicos que resulta necesaria para axilizar a tramitación das solicitudes.

Desta forma, aínda que o Real decreto establece que os solicitantes teñen tempo ata o 30 de setembro para solicitar a axuda e que a Axencia Tributaria poderá realizar os pagamentos nos tres meses seguintes, éstáse traballando para axilizar ao máximo a tramitación da axuda, o que require contar con certa información previa de contraste que a Axencia xa solicitou a outros organismos.

O formulario está publicado no apartado de información destacada da sede electrónica da Axencia, (https://sede.agenciatributaria.gob.es ), e nel unicamente cumprirá cubrir os datos identificativos e domicilio do solicitante e das persoas coas que convive no fogar, así como un teléfono de contacto e o número de conta bancaria para facer efectivo o pagamento da axuda.

Folletos e vídeos explicativos

Ademais de poder contar con esa información básica de contraste inicial para terminar de definir o formulario, o outro motivo polo que se optou pola súa publicación a final da semana é dar unha marxe previa aos solicitantes que non estean dados de alta no sistema ‘Clave’, nin conten con certificado electrónico, para que realicen ese sinxelo trámite de alta en ‘Clave’ por Internet ou videochamada evitandose desprazamentos, ou nas oficinas da Axencia ou outros organismos públicos. A alta en ‘Clave’ soa require achegar os datos do DNI e un número de teléfono móbil.

Toda a información necesaria en relación con este trámite, así como a propia vinculada á axuda dos 200 euros, recollerase en folletos e vídeos explicativos que se irán publicando na web da Axencia. Pola súa parte, xa está dispoñible na web un bloque específico de preguntas frecuentes sobre a axuda, e todo iso complementarase con carteis informativos nas zonas de atención ao público das oficinas en todo o territorio.

 Colectivos de beneficiarios e requisitos

A axuda se concreta nun pagamento único de 200 euros para traballadores por conta propia ou allea e desempregados inscritos na oficina de emprego que residan en fogares nos que a suma das rendas que perciban os conviventes sexa inferior a 14.000 euros en 2021 e cuxo patrimonio, descontando a vivenda habitual, non supere os 43.196,4 euros.

O cómputo de ingresos e de patrimonio efectuarase de maneira conxunta, considerando todas as persoas que residan co beneficiario nun mesmo domicilio a data 1 de xaneiro de 2022.

O obxecto deste pagamento único é paliar o efecto prexudicial nos prezos ocasionados pola crise enerxética derivada da invasión de Ucraína en situacións de vulnerabilidade económica non cubertas por outras prestacións de carácter social. Neste sentido, o incremento das pensións contributivas xa se garante en liña coa inflación, mentres que o ingreso mínimo vital e as pensións de xubilación e invalideces non contributivas xa se benefician dun incremento extraordinario previsto no mesmo Real Decreto-lei 11/2022.