Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria pon en marcha unha aplicación de busca de inmobles e un servizo telefónico para facilitar a participación en poxas

Novas melloras na asistencia

  • A nova funcionalidade, dispoñible tanto na ‘app’ como na sede electrónica da Axencia, permitirá buscar inmobles cos criterios de selección que introduza o interesado e visualizaros nun mapa
  • Un sistema de subscrición a alertas avisará as persoas interesadas cando se inicie a poxa dun inmoble que se adapte ás súas preferencias
  • Créase un novo servizo de atención telefónica que permitirá resolver dúbidas relativas ás poxas da Axencia que se estean tramitando no Portal do BOE

25 de novembro de 2022.- A Axencia Tributaria puxo a disposición dos cidadáns un novo sistema de busca de bens inmobles incluídos nos seus procedementos de poxa, que se publican a través do Portal do Boletín Oficial do Estado. O sistema deseñouse para localizar dunha maneira áxil e sinxela calquera inmoble que se adapte ás necesidades do interesado mediante criterios de busca como a provincia onde radica o inmoble, o tipo de ben ou a súa valoración.

O buscador, accesible a través da aplicación móbil e a sede electrónica da Axencia (sede.agenciatributaria.gob.es), permite tamén situar inmobles a través da opción ‘mapa’, onde calquera persoa interesada poderá coñecer con exactitude o lugar onde se encontran os inmobles.

A nova funcionalidade incorpora, pola súa parte, a posibilidade de gardar como favoritos os inmobles seleccionados para facilitar a súa recuperación en futuros accesos ao buscador, ou incluso compartiros por mensaxaría instantánea de móbiles.

Sistema de avisos para inmobles preseleccionados

Ademais, no caso de que nun determinado momento ningún inmoble cumpra cos criterios introducidos, habilitouse un sistema de subscrición a alertas que avisará o interesado cando se inicie unha poxa que cumpra con eses criterios.

Para acceder ao servizo de consulta non se require ningún tipo de autenticación. A subscrición ao sistema de avisos de bens inmobles si que requirirá contar con ‘Cl@ve PIN’ para acceder desde a ‘app’, mentres que o acceso a través da sede electrónica poderase realizar tanto con ‘Cl@ve PIN’, como con certificado ou DNI electrónico.

Se o acceso se leva a cabo desde a ‘app’, unicamente cumprirá pulsar na opción ‘Máis información e xestións’ da páxina principal da aplicación móbil que incorpora o buscador de inmobles. No caso da sede electrónica, a ruta ‘Información e xestións’ / ‘Débedas, constrinximentos, embargos e poxas’ / ‘Poxas’ conduce tanto ao buscador, como ao propio sistema de participación nas poxas.

Servizo de atención telefónica específica

O arranque desta nova funcionalidade súmase á implantación dun servizo de información e asistencia telefónica específica para que os interesados en participar nas poxas poidan resolver as súas dúbidas durante todo o procedemento, desde que son interesados, ata que se converten en licitadores ou adxudicatarios.

Os axentes telefónicos resolverán calquera dúbida que poida xurdir antes, durante e despois da celebración da poxa. O número de teléfono ao que deberá chamar calquera persoa interesada en obter información é o 91 598 63 34, que funcionará en horario de 9 a 14 horas, de luns a venres laborables.

Con estas melloras, a Axencia Tributaria avanza na súa estratexia de facilitar xestións e trámites ao maior número de contribuíntes posible e a todo tipo de perfís, apostando por un modelo de navegación cómodo, moderno, intuitivo e adaptado ás necesidades que requiren os cidadáns.

Ampliación dos servizos telemáticos de asistencia

A ampliación do servizo de asistencia e información e a creación desta nova utilidade en materia de poxas súmase a outros proxectos de extensión dos servizos telemáticos complementarios da asistencia presencial que se puxeron en marcha nos últimos tempos, caso das Administracións Dixitais Integrais (ADI), as ferramentas de asistencia virtual, os servizos telefónicos reforzados e a utilidade ‘Pagar, Aprazar e Consultar’ débedas incorporadas en xullo pasado.

No caso concreto da Área de Recadación, o servizo de atención telefónica para poxas complementa ao servizo xeral en materia recadadora que está dispoñible desde o ano 2020 (91 553 68 01), sen necesidade de cita previa.

Mentres que o servizo xeral de materia recadadora está dedicado a atender os contribuíntes que teñen dúbidas sobre adiamentos e embargos, ou necesitan información e asistencia para o pagamento das súas débedas, o servizo telefónico para poxas atenderá as dúbidas de calquera cidadán interesado nos alleamentos que leva a cabo a Axencia a través do portal do BOE.