Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria ofrece máis prazos de pagamento para flexibilizar os adiamentos e facilitar a liquidez dos contribuíntes

Facilidades de pagamento

  • Dúas instrucións da Área de Recadación, canda a elevación a 50.000 euros por Orde Ministerial do límite exento de garantías, beneficiarán a máis de 750.000 contribuíntes
  • As concesións de adiamentos automatizadas resolveranse no momento da solicitude con prazos máximos de 24 meses para persoas físicas e 12 para xurídicas, o dobre que ata agora
  • Os prazos máximos en solicitudes con aval bancario pasan de 36 a 60 meses, e con inmobles urbanos sen cargas pasan de 24 a 36 meses
  • Todas as modificacións entrarán en funcionamento para as solicitudes que se presenten a partir do 15 de abril

5 de abril de 2023.- A Axencia Tributaria flexibilizará os adiamentos de pagamento de débedas para facilitar a liquidez dos contribuíntes. A combinación da Orde Ministerial que amplía de 30.000 a 50.000 euros o límite exento de achegar garantías e dúas instrucións que desenvolven o esquema que hai que aplicar a partir de agora permitirán ofrecer máis prazos de pagamento aos contribuíntes nun amplo abano de situacións.

Os beneficiarios potenciais destas medidas, estimados en máis de 750.000 contribuíntes, son persoas físicas e xurídicas en xeral. As novas regras para os adiamentos aplicaranse para solicitudes que se presenten a partir do 15 de abril, data de entrada en vigor da Orde Ministerial.

O dobre de prazo máximo en solicitudes automatizadas

A nova instrución de adiamentos amplía sensiblemente os prazos máximos de pagamento para as solicitudes de tramitación automatizada, as que están exentas de achegar garantías. Para persoas físicas os prazos máximos elévanse de 12 a 24 meses, e para persoas xurídicas pasan de 6 a 12 meses.

Pola súa parte, ao ampliarse o perímetro de aplicación do sistema automatizado con exención de garantías de 30.000 a 50.000 euros, serán moitos máis os casos en que o contribuínte se poderá beneficiar dunha concesión case instantánea do seu adiamento, minimizandose así os custos indirectos de tramitación para o cidadán.

Tras a solicitude a través da ‘app’ ou a sede electrónica da Axencia Tributaria, resólvese o expediente en cuestión de segundos. Se o solicitante se subscribiu ao sistema de avisos da Axencia, se lle remite un aviso inmediato coa resolución da solicitude vía notificación ‘push’ na propia ‘app’, por correo electrónico ao enderezo que facilite ou por SMS ao número de teléfono móbil que proporcione.

Outras melloras

A flexibilización dos prazos acada, igualmente, a supostos de solicitude de adiamento por riba de 50.000 euros e que, polo tanto, requiren achega de garantías. Así, para os casos en que se achegue un aval bancario ou seguro de caución, os prazos máximos pasan de 36 a 60 meses, mentres que se a garantía achegada é un inmoble urbano sen cargas os prazos máximos elévanse de 24 a 36 meses.

Co mesmo obxectivo de gañar en flexibilidade, amplíase de 48 a 60 meses o tope para supostos excepcionais en que se poden superar os prazos máximos xerais establecidos, previa autorización.

Pola súa parte, permitirase aceptar como garantía bens inmobles urbanos que si teñan cargas previas cando, descontando esas cargas, o importe supere o 115% da débeda. Na instrución previa, con carácter xeral, eses bens non se aceptaban como garantía.

A instrución sobre garantías de adiamentos tamén incorpora a novidade de que a garantía achegada por un debedor principal, se é suficiente, beneficie igualmente aos declarados responsables por derivacións de responsabilidade e aos coobligados ao pagamento da débeda.