Detido un coñecido "narco" galego de Vilanova de Arousa polo branqueo de máis dun millón de euros
Operación "Frankenstein"
- A condena a nove anos de prisión do principal investigado por tráfico de drogas e pertenza a organización criminal, así como unha multa de 433.000 euros aínda sen aboar e o elevado carácter suntuario das súas propiedades levou o Servizo de Vixilancia Aduaneira á realización dunha investigación patrimonial
- Intervida unha granxa de minado de criptoactivos e bloqueados 15 inmobles
- Investigadas na mesma operación outra seis persoas do seu medio familiar máis próximo
1 de agosto de 2024.- O Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria detivo en Ribadumia (Pontevedra) a B.V.V., un coñecido ‘narco’ galego, por un presunto delito de branqueo de capitais, ao tempo que se mantén como investigadas a seis persoas do seu medio familiar máis próximo. No marco desta operación, denominado ‘Frankenstein’, o corpo policial da Axencia Tributaria logrou acreditar, despois dunha complexa investigación patrimonial, unha operativa de branqueo superior ao millón de euros. Durante os rexistros efectuados interveuse unha granxa de minado de criptoactivos, así como abundante material informático e documentación, e bloqueáronse un total de 15 inmobles.
A vinculación de B.V.V. co tráfico de drogas é coñecida desde hai anos, con investigacións que se remontan a 2002 e 2003, cando apenas contaba con 21 anos. Xa en setembro de 2023, a raíz dunha investigación liderada por Vixilancia Aduaneira (operación ‘Loureiro’) é finalmente condenado a nove anos de prisión e 433.000 euros de multa, como autor de senllos delitos de tráfico de drogas e pertenza a grupo criminal.
Na sentenza condenatoria declaráronse probados feitos de provisión e posterior distribución de cocaína, polo menos, entre 2017 e 2019. Polos mesmos feitos foi condenado igualmente seu hermanastro, tamén investigado na presente operación contra o branqueo de capitais.
Pola súa parte, B.V.V. está sendo xulgado na Audiencia Provincial de Pontevedra pola operación ‘Pantin’, en que se lle vincula con 3.800 kg de cocaína que chegou a costas galegas a bordo do buque ‘Karar’ no ano 2020.
Branqueo con familiares de homes de palla
Esta longa traxectoria delituosa, sumada ao feito de que a multa de 433.000 euros aínda está sen aboar, levou a Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria a despregar unha complexa investigación patrimonial que puxo de manifesto un enriquecemento ilícito que supera amplamente o millón de euros.
A investigación, realizada integramente pola Unidade Combinada de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria en Vigo, centrouse nas adquisicións patrimoniais que B.V.V. realizou utilizando como homes de palla a persoas do medio familiar máis próximo desde os anos 2004 a 2021.
A operación contou coa participación activa da Fiscalía Antidroga de Pontevedra como denunciante tras os informes elaborados por Vixilancia Aduaneira de Vigo e saldouse coa detención, o pasado 23 de xullo, de B.V.V., así como a condición de investigado non detido doutras seis persoas do seu medio máis próximo.
Minaría de criptoactivos
Para a explotación operativa contouse co Grupo de Intervención e Reacción da Subdirección Xeral de Operacións de Vixilancia Aduaneira e culminou con cinco entradas e rexistros en domicilios e locais das localidades de Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Ribadumia, en que se interveu numeroso material informático e documentación así como un conglomerado de tarxetas gráficas empregadas para a minaría de criptoactivos que B.V.V. dispuxera no entresollado dun local de máquinas de ‘vending’ de Ribadumia que explotaba comercialmente.
Todos os efectos intervidos están sendo analizados pola unidade investigadora, ao tempo que o xulgado adoptou medidas preventivas de prohibición de alleamento sobre 15 inmobles a fin de garantir as posibles condenas.
O Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria considera prioritario na loita contra o narcotráfico a investigación patrimonial e dos actos de ocultación de beneficios por parte dos líderes das organizacións criminais, ao tratarse do mecanismo máis efectivo para a súa neutralización.
Vixilancia Aduaneira: Presentación de denuncias por contrabando e delitos relacionados
Teléfono gratuíto 900351378.
Correo electrónico: denunciasvigilanciaaduanera@correo.aeat.es
Filmación do operativo (para descargar o vídeo débese introducir o seguinte enderezo web):