Saltar ao contido principal

Desarticulada unha organización criminal responsable de defraudar preto de 3,5 millóns de euros á Facenda da UE en dereitos "antidumping"

Operación da Axencia Tributaria e a Garda Civil

  • Fiscalía Europea iniciou un procedemento penal por elusión destes dereitos sobre mercadoría procedente da China, concretamente follas de aluminio

  • Os dereitos ‘antidumping’ son aranceis que protexen a industria da Unión Europea de prácticas desleais e abusivas, aplicables a mercadorías procedentes de terceiros países

  • O volume de importacións afectado é tan elevado que, en relación con todo o papel de aluminio que ten entrada na Unión Europea procedente de Emiratos Árabes Unidos, supoñen arredor do 84 %do total

  • As principais actuacións desta investigación leváronse a cabo en Valencia, en que cinco persoas foron detidas e catro investigadas nos sete rexistros practicados en domicilios e sedes sociais, coa intervención de cerca de dous millóns de euros en efectivo e obras de arte de gran valor

19 de decembro de 2024.-  A Axencia Tributaria e a Garda Civil, co apoio de Europol, levaron a cabo unha investigación no marco dun procedemento de Fiscalía Europea, cuxa principal finalidade foi a desarticulación dunha organización criminal que viría eludindo o pagamento de dereitos "antidumping" desde finais de 2020.

A operación policial, denominada ‘Bauxita’, iniciouse por un encargo directo da Fiscalía Europea á Unidade Central Operativa da Garda Civil. Os feitos foron inicialmente detectados e reportados pola Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), ao que se sumou unha investigación previa da Oficina Nacional de Aduanas e Impostos Especiais da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e unha denuncia dunha empresa do sector ante a propia Axencia Tributaria, o que propiciou que a AEAT realizase unha primeira cuantificación da fraude nuns 3,3 millóns de euros durante os exercicios fiscais do 2021 ao 2024.

Que é o "antidumping"?

Os dereitos "antidumping" son aranceis adicionais que se establecen pola UE coa finalidade de protexer a industria da Unión Europea de prácticas desleais e abusivas, aplicables a mercadorías procedentes de determinados países. Nesta ocasión, a mercadoría, follas de aluminio, procedía concretamente da China, país para o que se estableceron, ademais dos aranceis aplicables con carácter xeral, unha serie de dereitos "antidumping" á importación desta mercadoría.

De maneira paralela, ante o establecemento destes gravames nas importacións, os investigados implementarían prácticas ou operativas delituosas encamiñadas a sortear o pagamento dos dereitos "antidumping". Neste sentido, o "modus operandi" utilizado pola organización para perfeccionar a fraude consistía en declarar como país de orixe da mercadoría outro distinto da China que non estivese suxeito a este tipo de aranceis, neste caso Emiratos Árabes Unidos.

Estrutura e funcionamento da organización criminal

Esta organización utilizaba unha estrutura societaria controlada integramente polas persoas investigadas e composto, fundamentalmente, por mercantís españolas e dubaitíes, coas que importaban a España follas de aluminio, suxeitas aos mencionados aranceis, declarando Emiratos Árabes Unidos como país de orixe, pero sendo China o país de orixe real onde se fabricaban e desde onde se exportaban as bobinas de papel de aluminio. Coa finalidade de ocultar a súa orixe real na China, as mercadorías eran transportadas inicialmente a Emiratos Árabes Unidos, onde se modificaba a documentación con carácter previo ao seu envío a España.

As sociedades dubaitíes, aínda non tendo capacidade real de produción, conseguían da Cámara de Comercio de Emiratos as certificacións e autorizacións necesarias para simular que a orixe da mercadoría era Dubai, eliminando así calquera rastro que indicase a súa procedencia chinesa. Nalgunha ocasión, engadíase outro elo na cadea de transporte, motivo polo que se detectou a implicación dunha sociedade portuguesa.

Pola súa banda, as empresas españolas implicadas na fraude están situada na súa maioría na provincia de Valencia, onde reside o núcleo principal da organización. Os investigados modificaron ao longo dos anos a estrutura societaria instrumental para conseguir un maior grao de opacidade das presuntas importacións irregulares.

O volume de importacións afectado é tan elevado que, en relación con todo o papel de aluminio que ten entrada na UE procedente de Emiratos Árabes Unidos, supoñen arredor do 84 %do total.

Actuacións e resultados

O 12 de decembro de 2024, con autorización do Xulgado Central de Instrución nº3 da Audiencia Nacional (Xulgado de Garantías neste Procedemento de Fiscalía Europea), realizáronse diferentes dilixencias na provincia de Valencia desenvolvidas por membros da Unidade Central Operativa da Garda Civil, persoal da AEAT e Europol, que desprazou unha oficina móbil e un experto nacional a España.

Durante as entradas e rexistros interveuse un gran volume de documentación, numerosos dispositivos informáticos, un total de 1.950.000 euros en efectivo, dous vehículos de alta gama e tres obras de arte de alto valor cuxo prezo preliminarmente estimado ascendería a uns 500.000 euros. Ao mesmo tempo, bloqueáronse unha gran cantidade de bens mobles e inmobles propiedade das persoas físicas e xurídicas investigadas. Os detidos foron presentados ante os Fiscais delegados Europeos.

Filmación do operativo (para descargar dos vídeos débese introducir o seguinte enderezo web):

https://we.tl/t-3N5m5nYogB