Desarticulada unha organización criminal por unha fraude de 133 millóns de euros no sector dos hidrocarburos
Operación conxunta da Axencia Tributaria e a Garda Civil
-
Esta presunta fraude á Facenda Pública corresponde aos exercicios fiscais de 2020 e 2021
-
Os millonarios beneficios obtidos pola elusión do imposto eran transferidos a contas bancarias doutras mercantís situadas en terceiros países
16 de outubro de 2024.- A Axencia Tributaria e a Garda Civil levaron a cabo unha serie de actuacións nos últimos días contra unha organización criminal dedicada á comisión de presuntos delitos contra a Facenda Pública por fraude de IVE no comercio de hidrocarburos e o posterior branqueo dos capitais ilicitamente obtidos.
A organización sobre a que se actuou sería a responsable dunha presunta fraude á Facenda Pública nos exercicios de 2020 e 2021, que acadaría os 133 millóns de euros.
Funcionarios da Oficina Nacional de Investigación da Fraude (ONIF) da Axencia Estatal de Administración Tributaria, de maneira conxunta con axentes da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil, lograron desarticular esta importante organización criminal, caracterizada pola creación dunha complexa estrutura empresarial liderado por un grupo de empresarios vinculados ao sector a través do que perpetrarían a comisión da fraude, responsabilizando empresas instrumentais, de maneira artificial, da liquidación dos impostos que xera este comercio.
Ao mesmo tempo, estas empresas transfiren os fondos correspondentes aos beneficios xerados na elusión do imposto a contas bancarias doutras mercantís situadas en países terceiros.
Esta operación policial, enmarcada na loita contra a fraude que se comete de maneira recorrente neste sector estratéxico, é dirixida polo Xulgado Central de Instrución número tres da Audiencia Nacional, en coordinación coa Fiscalía Anticorrupción, habendose practicado ata o momento seis detencións (dous en Sevilla e catro en Madrid), así como dúas entradas e rexistros en sedes sociais de empresas en Madrid.
Filmación do operativo (para descargar o vídeo débese introducir o seguinte enderezo web):