Saltar ao contido principal

Desmantelada unha organización criminal que ocultaba droga en fornos industriais en Madrid

Operación conxunta da Axencia Tributaria e Garda Civil

  • Intervidos 123,5 quilos de cocaína nunha operación con nove detidos e cinco investigados contra un grupo dedicado ao tráfico internacional de drogas que ocultaba a súa actividade cunha estrutura de empresas pantasma

7 de marzo de 2025.- Unha operación conxunta da Axencia Tributaria e a Garda Civil, denominada ‘Vieira’, culminou coa desarticulación dunha organización criminal dedicada ao tráfico internacional de drogas, a detención de nove persoas e a investigación doutras cinco, así como coa incautación de 123,5 quilos de cocaína. O grupo ocultaba drogas en fornos industriais e contaba cunha estrutura de empresas pantasma para ocultar a súa actividade.

A investigación comezou en verán do ano pasado, cando se detectou a existencia dunha estrutura criminal de empresas aparentemente dedicadas ao transporte, a hostalaría e a industria metalúrxica, e cuxa auténtica finalidade era cubrir o tráfico de dogas. Os indicios mostraron que este grupo introducía en España estupefacientes en voos procedentes do estranxeiro e distribuíaos por Madrid e provincias limítrofes.

No curso da operación indagouse que o primeiro destino dos estupefacientes era unha nave industrial situada na Comunidade de Madrid, onde se ocultaban para a súa posterior distribución no interior de fornos industriais de ladrillo.

Xunto a estas instalacións, o grupo criminal contaba cunha gardaría de estupefacientes nun predio rural situado no termo municipal de Torrelaguna, ao norte de Madrid.

Os investigadores finalizaron o operativo xusto cando os delincuentes trataban de sacar droga da nave industrial, o que permitiu incautar 123,5 quilos de cocaína e diversa maquinaria empregada para manipular a mercadoría, así como deter aos cabecillas .

Cinco persoas foron investigadas e nove detidas, para as que a autoridade xudicial decretou o ingreso en prisión.

Filmación do operativo (para descargar o vídeo débese introducir o seguinte enderezo web):

https://we.tl/t-Pc7LtciA63