Saltar ao contido principal

Desmantelado un 'macrolaboratorio' de extracción e procesamento de clorohidrato de cocaína nunha nave industrial da provincia de Toledo

Operación da Axencia Tributaria, Garda Civil e Policía Nacional

  • Operaba as 24 horas do día con ‘cociñeiros’ traídos expresamente de Colombia e contaba cun sofisticado e completo equipamento, con ata 3,5 toneladas de precursores

  • Foron detidas 13 persoas en cinco provincias españolas que formaban unha estrutura criminal internacional de tráfico de drogas entre América e Europa

  • Ao longo da investigación hase incautado unha tonelada de cocaína e preto de oito toneladas de fariña de millo impregnado con cocaína que era extraída no laboratorio

16 de abril de 2026.- Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, a Garda Civil e Policía Nacional detiveron 13 persoas que formaban unha organización criminal internacional dedicada ao tráfico de cocaína desde América do Sur a Europa. Foi desmantelado un ‘macrolaboratorio’ de extracción e procesamento de clorhidrato de cocaína nunha nave industrial da localidade de Gerindote (Toledo). Tamén se realizaron catro rexistros máis en diferentes localizacións da Comunidade de Madrid, coa incautación de 100.000 euros en efectivo, cinco armas de fogo e chalecos antibalas, ademais de intervencións en Málaga, La Rioja e Bizkaia, no noso país, e en Cartaxena (Colombia).

As investigacións desta operación, de nome ‘Sircan’, remóntanse ao ano 2022, cando a Garda Civil descubriu o posible tráfico de cocaína desde América do Sur a Europa mediante a súa ocultación en colectores marítimos con destino Rotterdam (Países Baixos). Desde alí era distribuída a España e a distintos puntos europeos.

As actuacións policiais conxuntas descubriron a existencia dun ‘macrolaboratorio’ clandestino de cocaína nunha vila de Toledo. Estaba situado nun polígono industrial, integrado con outros negocios e industrias, dando unha aparencia totalmente lícita. Porén, no interior da nave acondicionáranse distintas dependencias destinadas de forma específica á extracción e procesamento de clorhidrato de cocaína. O laboratorio estaba operado por expertos ‘cociñeiros’ colombianos traídos expresamente pola organización para procesar a substancia estupefaciente.

A área principal do laboratorio estaba organizada en varias zonas diferenciadas: extracción, precipitación e filtrado, e, por último, prensado e empaquetado. En cada unha destas zonas desenvolvíase unha actividade continua, en quendas durante as 24 horas do día, orientada ao procesamento de cocaína base e a súa posterior transformación en clorhidrato de cocaína, que era presentada en forma de ‘ladrillos’ e selado cos distintos logotipos utilizados pola organización para diferenciar o seu produto no mercado ilícito.

Laboratorio en plena produción

No momento da intervención, o laboratorio encontrábase en plena produción e con substancia en distintas fases do proceso, desde mesturas liquidas de cocaína base con disolventes, ata xa o clorhidrato de cocaína finalizada. Foron intervidas máis de sete toneladas de fariña de millo utilizado como medio de ocultación e transporte, impregnada con cocaína base. Tamén se encontraron nove quilos de cocaína dunha pureza próxima ao 93 %xa procesada e empaquetada, disposta para a súa venda.

Durante o desmantelamento da infraestrutura interviñéronse 3.500 quilos de distintos precursores, tanto sólidos coma líquidos, utilizados nas diversas fases da extracción e procesamento da droga. O laboratorio estaba equipado con todos os útiles e materiais necesarios e constituía para a organización unha fonte estable e continua de produción de substancias estupefacientes.

Ademais do clorhidrato de cocaína hanse incautadas diversas cantidades menores doutras substancias como cocaína rosa, ‘MDMA’, ‘popers’, marihuana, 90 comprimidos para a disfunción eréctil e bolsas de ‘Paprika’.

Intervencións en Colombia e en cinco provincias españolas

A operación desenvolveuse en tres fases principais. A primeira, levada a cabo en Cartaxena (Colombia) en abril de 2025, onde se incautó preto dunha tonelada de clorhidrato de cocaína.

A segunda fase e principal levouse a cabo en febreiro deste ano en España. Nela , desmantelouse o laboratorio en Gerindote (Toledo) e realizáronse catro rexistros máis en diferentes localidades da Comunidade de Madrid. Durante esta intervención foron detidas sete persoas, entre eles o líder da organización criminal. Se incautaron arredor de 100.000 euros en efectivo, cinco armas de fogo, centos de cartuchos de munición de distintos calibres, tres chalecos antibalas, dúas pistolas eléctricas incapacitantes, unha máquina de contar diñeiro, móbiles, documentación, unha gran cantidade de substancias estupefacientes e tres vehículos de alta gama.

A última fase tivo lugar en marzo, con intervencións nas provincias de Málaga, La Rioja e Bizkaia, onde se incautaron arredor de 70.000 euros en efectivo, procedentes do tráfico de drogas, ou reloxos de marcas de luxo, entre outros efectos. A operación culminou coa práctica do resto de detencións, cun total de 13 persoas integrantes da organización criminal arrestada.

Investigación de branqueo

Paralelamente, a Unidade Operativa de Toledo de Vixilancia Aduaneira realizou o estudo das relacións patrimoniais e económicas entre os investigados, que deron como resultado a adopción de medidas preventivas contra sete inmobles, 17 vehículos e once contas bancarias.

A investigación foi levada a cabo pola Unidade Operativa de Toledo de Vixilancia Aduaneira, a Policía Xudicial da Garda Civil en Toledo, e a Xefatura Superior de Policía de Madrid. En Colombia foi a Policía Narcótica do devandito país a que efectuou a inspección e apresamento no porto de orixe.

Durante o desenvolvemento da operación foi de gran importancia a cooperación policial internacional entre diversos países do Norte e América do Sur (EUA Colombia, Perú e o Uruguai), así como de Europa (Francia, Países Baixos e Portugal), habendose levado a cabo incluso actividade operativa en Colombia, Perú e Portugal, que foi crucial para o resultado conseguido.

Encóntranse dispoñibles para a súa descarga imaxes do operativo nesta ligazón.