Saltar ao contido principal

Intervido na baía de Cádiz un veleiro cargado con 4,4 toneladas de haxix con destino a América do Sur

Operación conxunta da Axencia Tributaria e a Policía Nacional

  • A embarcación saíu cara á costa occidental de Marrocos para cargar a droga, retornando despois a augas españolas a causa do mal tempo
  • Detivose aos dous tripulantes do veleiro, de nacionalidade británica, que foi abordado despois de ser auxiliado durante un temporal

27 de decembro de 2022.- Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, en colaboración con Policía Nacional e coa participación da National Crime Agency do Reino Unido, interveu 4,4 toneladas de haxix no interior dun veleiro británico na baía de Cádiz. A embarcación partiu cara á costa occidental de Marrocos para cargar a droga, tendo que retornar a augas españolas debido ás condicións meteorolóxicas.

A operación desenvolveuse no marco da cooperación internacional contra o tráfico de estupefacientes, a través do Centro de Análise e Operacións Marítimas en materia de Narcotráfico (MAOC-N), órgano europeo de control no Atlántico de embarcacións sospeitosas. Neste ámbito, as autoridades británicas alertaron da presenza dun veleiro sospeitoso que podería encontrarse nas costas españolas. As investigacións permitiron indagar que a embarcación ía ser utilizada para cargar en Marrocos unha gran cantidade de haxix para ser transportado posteriormente a América do Sur.

Nese momento comezaron as investigacións para detectar a presenza da embarcación nas costas andaluzas, sendo finalmente localizada por funcionarios da Unidade de Vixilancia Aduaneira de Cádiz en Puerto América, un dos portos deportivos desta localidade.

Unha vez localizado o veleiro, de nome ‘IVY ROSA’, iniciouse o dispositivo de vixilancia e control dos posibles movementos do barco, que saíu de Cádiz cara á costa occidental de Marrocos para cargar a droga, volvendo despois cara a augas españolas a causa do mal tempo no estreito de Xibraltar.

Chamada de auxilio e abordaxe

Cando a embarcación se achegou cara á baía de Cádiz para intentar refuxiarse do temporal, na madrugada do pasado sábado, e aproveitando a chamada que fixeron os seus tripulantes a Salvamento Marítimo para que se lles prestase axuda, o patrulleiro de Vixilancia Aduaneira ‘Miñato II’ serviuse do factor sorpresa para achegarse e abordar o obxectivo sospeitoso, observando no seu interior numeroso vultos de tea de saco e rafia dos comunmente utilizados para o transporte desta clase de estupefacientes.

Unha vez auxiliados e trasladada a embarcación ao porto de Cádiz detivose aos seus dous tripulantes e levouse a cabo o correspondente rexistro, localizandose 130 vultos que contiñan uns 4.400 quilos de resina de haxix.

Tanto os detidos, coa embarcación intervida e a droga incautada, foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Cádiz.

A investigación continúa aberta, polo que non se descarta que se produzan novas detencións.

Filmación do operativo (para descargar o vídeo débese introducir o seguinte enderezo web):

https://we.tl/t-oXTijdykgb