Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria pon en marcha unha operación contra a fraude fiscal no sector da venda de materiais de construción

Operación ‘Argamasa’

  • Máis de 300 funcionarios da Axencia comparecéronse no día de onte en 71 locais situados en 14 CCAA tras detectar signos externos de riqueza non xustificados e ratios económicas anormalmente baixas nas empresas seleccionadas
  • A operación supuxo o inicio de actuacións inspectoras en relación con 74 sociedades e 25 persoas físicas vinculadas
  • As actuacións englóbanse nun plan integral de control do sector da construción que tamén inclúe o envío a outras empresas de cartas aviso e a realización de visitas da Área de Inspección

27 de abril de 2023.- A Axencia Tributaria iniciou no día de onte unha operación coordinada en 14 Comunidades Autónomas contra a fraude fiscal no sector da venda de materiais de construción. A operación, denominada ‘Argamasa’, comporta o inicio de comprobacións inspectoras a 74 sociedades e 25 persoas físicas vinculadas (socios, administradores e persoas do medio familiar), mediante a comparecencia de máis de 300 funcionarios da Axencia nun total de 71 locais.

O dispositivo despregado acada a locais situados en Andalucía (8), Aragón (4), Asturias (5), Baleares (3), Canarias (4), Cantabria (1), Castela-A Mancha (1), Castilla y León (6), Cataluña (11), Extremadura (2), Galicia (8), Madrid (9), Murcia (1) e Comunidade Valenciana (8).

A operación ‘Argamasa’ foi coordinada polo Departamento de Inspección da Axencia Tributaria, contando coa participación de máis de 280 funcionarios da Área de Inspección, incluíndo persoal das Unidades de Auditoría Informática, e máis dunha vintena de funcionarios do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia, así como co apoio de axentes policiais.

Unha serie de indicios de existencia de economía mergullada, sumados á propia evolución experimentada nos últimos anos no ámbito da construción e as reformas, levaron a  fixar este sector como obxectivo da presente operación.

Marxes sensiblemente inferiores aos do seu sector

As empresas afectadas pola operación ‘Argamasa’ son, fundamentalmente, sociedades dedicadas á venda de materiais de construción. A facturación destas empresas incrementouse nos últimos anos, acadando en 2021 un importe próximo aos 280 millóns de euros, aínda que mostran unhas marxes netas sensiblemente inferiores aos do conxunto do seu sector.

Máis alá do ámbito do pequeno comercio, que non é obxecto desta operación, o sector de venda de materiais de construción presenta unhas especiais características no referente ao seu funcionamento económico. Trátase dun sector con escaso uso de pagamento a través de tarxetas (o pagamento con tarxeta representa menos dun 8 %da facturación).

Aínda que isto non implica necesariamente un uso intensivo do efectivo, xa que se trata dun sector con gran volume de operativa comercial con outros empresarios, esa particularidade do escaso uso do cobramento con tarxetas, sumada ás tamén escasas imposicións de efectivo en contas (menos dun 6 %da facturación) merecen especial atención e un exame máis exhaustivo sobre a correcta declaración dos ingresos.

Signos externos de riqueza

Outro elemento que se considerou para a selección destas empresas é o feito de que nas persoas físicas asociadas con estas empresas encontráronse diversos casos de signos externos de riqueza que poderían constituír indicios de ocultación de ingresos, como o alugamento de caixas de seguridade e o uso de tarxetas persoais de alto importe.

Con comparecencias como as realizadas nos locais seleccionados, a Axencia logra acceder directamente á documentación e información contable ou auxiliar real existente, incluídos os sistemas informáticos de procesamento da información, ao obxecto de confirmar e cuantificar o volume de actividade non declarada polas empresas. Nalgunha das comparecencias realizadas onte, incluso, xa se detectou a existencia e utilización de ‘software’ de ocultación de vendas ou ‘dobre uso’. As inspeccións, que se desenvolverán nos próximos meses a partir desta obtención de probas iniciais, analizarán toda a documentación obtida.

As comparecencias como ferramenta de loita contra a fraude fiscal

A experiencia de operacións realizadas con anterioridade pon de manifesto que a comparecencia da Administración nos locais ou domicilios onde se realiza a actividade económica, ou onde se leva a cabo a xestión do negocio, permite unha loita máis efectiva contra a economía mergullada ou calquera outro incumprimento susceptible de regularización.

As Directrices do Plan de Control de 2023 fan fincapé na necesidade de reforzar a presenza inspectora nas sedes onde se realiza, de xeito efectivo, a actividade económica para reducir as irregularidades de carácter meramente formal, recollendo que a necesidade de lograr unha mellora do comportamento dos contribuíntes incumplidores, determinará que as actuacións poidan ser coordinadas a nivel nacional.

En particular, as Directrices establecen que a Axencia Tributaria manterá, ao longo deste ano, presenza naqueles sectores e modelos de negocio en que se aprecie alto risco de existencia de economía mergullada, e menciónase en particular o suposto do sector da construción e as reformas, ámbito no que a presente operación éstáse acompañando de ‘cartas aviso’ a outras empresas, informando da conveniencia de revisar as súas magnitudes económicas e tributarias declaradas, así como de visitas (‘peiteados fiscais ’) para o control in situ das obrigas formais e rexistrais.

As macrooperacións sectoriais

Coa operación ‘Argamasa’ son xa 22 as macrooperacións sectoriais coordinadas despregadas pola Axencia na última década. Este tipo de actuacións, ademais de facilitar a detección e regularización da fraude fiscal, permiten transmitir unha mensaxe disuasoria aos colectivos involucrados nestas prácticas, que teñen impacto nas arcas públicas e distorsionan gravemente a competencia no propio sector afectado.