Selada dixital DIVA para viaxeiros
Informámosche dos requisitos e procedemento para recuperar o IVE pago utilizando o documento electrónico de reembolso
Terás dereito á devolución do IVE polas compras que realices en España, se:
- Tes a túa residencia habitual fóra da Unión Europea (ou nas Canarias, Ceuta ou Melilla),
- As túas compras non constitúen expedicións comerciais
- e abandonas a UE dentro dos tres meses seguintes á súa adquisición.
En España todo o proceso de devolución de IVE a viaxeiros é dixital, a través do sistema DIVA da Axencia Tributaria.
Por esta razón é importante que, no momento de realizar as túas compras solicites ao vendedor o formulario electrónico Tax Free (denominado “documento electrónico de reembolso” en España, ou polas súas abreviaturas DER). Para que a tenda poida darcho, debes facilitarlle os teus datos identificativos (principalmente, o nome completo, data de nacemento e número de pasaporte ou outro documento acreditativo).
No momento de abandonar o noso país e sempre antes de facturar o teu equipaxe no porto ou aeroporto, debes validar electronicamente os documentos electrónicos de reembolso das túas compras. Para iso acode aos quioscos debidamente sinalizados para ese fin ou ben, ás oficinas de selado de Tax Free.
Lembra levar contigo, ademais:
- O teu pasaporte
- Os bens polos que solicitas a devolución
- A túa tarxeta de embarque ou o ticket da compañía aérea coa súa ruta de viaxe
Este é un proceso totalmente dixital co que non recibirás ningún documento físico co resultado da validación. Porén, o proceso é absolutamente trasparente para ti, podendo coñecer en todo momento o estado de tramitación a través da consulta do número CSV (código seguro de verificación) que aparece no DER, nas xestións desta páxina.
Unha vez efectuado o trámite de validación electrónica do DER, xa podes solicitar o teu diñeiro á túa empresa de Tax Free situada na zona de embarque (suxeita a comisión) ou directamente a través da tenda en que fixeches as compras.