8.10. Regularización de declaracións anteriores
Se unha vez presentada a declaración do IRPF advirte erros ou omisións nos datos declarados deberá regularizar a súa situación tributaria.
-
Regularización mediante rectificación de autoliquidacións
Se declarou indebidamente algunha renda exenta do Imposto, computou ingresos por un importe superior ao debido, esqueceu deducir algún gasto fiscalmente admisible ou omitiu algunha dedución á que tiña dereito e, en consecuencia, considera que se produciu un prexuízo nos seus intereses lexítimos poderá instar a rectificación da autoliquidación.
-
Regularización mediante a presentación dunha declaración complementaria
Os erros ou omisións en declaracións xa presentadas que motivasen a realización dun ingreso inferior ao que legalmente correspondese ou a percepción dunha devolución superior á procedente deben regularizarse mediante a presentación dunha declaración-liquidación complementaria á orixinariamente presentada.
Tamén deben regularizarse mediante a presentación de declaracións-liquidacións complementarias aquelas situacións ou circunstancias sobrevidas que motiven a perda do dereito a unha redución ou exención xa aplicada nunha declaración anterior.
Non obstante, a perda do dereito a determinadas deducións, debe regularizarse na declaración do exercicio en que se producise o incumprimento dalgún dos requisitos esixidos para a consolidación do dereito ás devanditas deducións.