e. Firmeza do acordo
De acordo co apartado 3 da disposición adicional primeira do texto refundido da Lei do Imposto sobre a Renda de non Residentes, considerarase que o acordo adquire firmeza na data en que unha autoridade competente reciba a última notificación das outras autoridades competentes comunicando a aceptación por parte das persoas interesadas do contido do mesmo e a súa renuncia ao dereito a recorrer respecto dos elementos da obriga tributaria que fosen obxecto do procedemento amigable, se é o caso. No suposto de que os recursos xa se iniciasen, o acordo unicamente adquirirá firmeza unha vez que a persoa afectada achegue probas ás autoridades competentes dos Estados membros afectados de que se tomaron medidas para pór fin aos devanditos procedementos respecto dos elementos da obriga tributaria que fosen obxecto do procedemento amigable.
Cómpre facer constar que a normativa española esixe en principio a aceptación (e renuncia dos recursos pendentes) non só do obrigado tributario español senón tamén do obrigado tributario do outro Estado. Porén, hai países que non esixen tal aceptación, por exemplo, cando a liquidación que deu orixe ao procedemento amigable foi realizada polo outro Estado (este é o caso, por exemplo, de Francia) ou cando se retira totalmente o axuste polo Estado que fixo o axuste primario (este é o caso, por exemplo, de Italia)
Como España esixe a aceptación (e renuncia dos recursos pendentes) dos obrigados tributarios do outro Estado, a firmeza do acordo acádase cando a autoridade competente española recibe da autoridade competente do outro Estado, a confirmación das devanditas aceptacións ou cando recibe a aceptación do propio obrigado tributario español (a data que sexa posterior).