Solicitude de inicio incompleto
Unha vez a solicitude de inicio tivese entrada no rexistro da autoridade competente, esta disporá do prazo de tres meses para analizar o seu contido. Se, no devandito prazo, a autoridade competente entendese que a solicitude de inicio do procedemento amigable non está completa ou presenta erros poderá requirir ao solicitante que emende os erros ou complete a información no citado prazo de tres meses, contado desde o día seguinte ao da notificación do requirimento (artigo 10 do Regulamento de procedementos amigables).
No mesmo prazo de tres meses, a autoridade competente poderá requirir ao solicitante que resolva calquera dúbida que se propoña no exame da documentación achegada, así como que achegue calquera información adicional necesaria. O solicitante disporá dun prazo, así mesmo de tres meses, contado desde o día seguinte ao da notificación do requirimento para achegar a información requirida.
No caso dos procedementos amigables tramitados en virtude do mecanismo establecido na Directiva 2017/1852, o solicitante que reciba calquera dos requirimentos anteriores deberá enviar simultaneamente a súa resposta ás autoridades competentes de todos os Estados membros afectados. Non obstante, cando o solicitante:
-
sexa un particular, ou
-
non sexa unha empresa grande e non forme parte dun grupo grande, de acordo co artigo 3, apartados 4 e 7, da Directiva 2013/34/UE do Parlamento Europeo e do Consello do 26 de xuño de 2013,
este poderá enviar a súa resposta unicamente á autoridade competente do seu Estado de residencia fiscal quen, no prazo de dous meses a partir da entrada no seu rexistro da mesma, enviará unha notificación simultaneamente ás autoridades competentes dos demais Estados membros afectados, canda unha copia da información presentada. Considerarase que a información foi recibida por todos os Estados afectados na data da súa entrada no rexistro da autoridade competente do Estado de residencia.
No caso dos procedementos amigables tramitados en virtude dun Convenio Fiscal aplicable ou do Convenio Europeo de Arbitraxe, a falta de atención de calquera dos requirimentos anteriores no prazo indicado determinará o arquivo das actuacións e a solicitude terase por non presentada.
Se, pola contra, o procedemento está sendo tramitado en virtude do mecanismo establecido na Directiva 2017/1852, a falta de atención en prazo do requirimento de forma reiterada poderá determinar, previa consulta coas autoridades competentes dos outros Estados afectados, a terminación do procedemento.