En concreto: Distribución da prima de emisión e a redución de capital con devolución de achegas
Normativa: Arts. 25.1.e) e 33.3.a) Lei IRPF
Hai que distinguir entre:
-
Valores admitidos a negociación nalgún dos mercados de valores da Unión Europea
No caso de distribución da prima de emisión e a redución de capital con devolución de achegas correspondentes a valores admitidos a negociación os importes obtidos minorarán, ata a súa anulación, o valor de adquisición das accións ou participacións afectadas e os excesos que puidesen resultar tributarán como rendementos do capital mobiliario non suxeitos a retención ou a ingreso a conta.
Non obstante, cando a redución de capital proceda de beneficios non distribuídos, a totalidade do percibido por este concepto tributará como dividendo. Con esta finalidade, considerarase que as reducións de capital, calquera que sexa a súa finalidade, afectan en primeiro lugar á parte do capital social que non proveña de beneficios non distribuídos, ata a súa anulación.
-
Valores non admitidos a negociación nalgún dos mercados de valores da Unión Europea
No caso de distribución da prima de emisión e de redución de capital que teña por finalidade a devolución de achegas e non proceda de beneficios non distribuídos, correspondente a valores non admitidos a negociación nalgún dos mercados regulados de valores definidos na Directiva 2004/39/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004, relativa aos mercados de instrumentos financeiros, e representativos da participación en fondos propios de sociedades ou entidades, cando a diferenza entre o valor dos fondos propios das accións ou participacións correspondentes ao último exercicio cerrado con anterioridade á data da distribución da prima ou á da redución de capital e o seu valor de adquisición sexa positiva, o importe obtido ou o valor normal de mercado dos bens ou dereitos recibidos considerarase rendemento do capital mobiliario co límite da citada diferenza positiva.
Se a diferenza fóra negativa ou cero, o percibido minorará o valor de adquisición das accións ou participacións ata anularo.
Para os efectos do cálculo da diferenza positiva, o valor dos fondos propios minorarase se é o caso, nos seguintes importes:
- No importe dos beneficios repartidos con anterioridade á data da distribución da prima de emisión ou á da redución de capital, procedentes de reservas incluídas nos citados fondos propios.
- No importe das reservas legalmente indispoñibles incluídas nos devanditos fondos propios que se xerasen con posterioridade á adquisición das accións ou participacións.
O exceso sobre este límite minorará o valor de adquisición das accións ou participacións ata anularo e a parte do devandito exceso que supere o valor de adquisición tributará como rendemento do capital mobiliario non suxeito a retención ou a ingreso a conta.
Así mesmo, con obxecto de evitar supostos de dobre imposición, se o reparto da prima de emisión ou a redución de capital que teña por finalidade a devolución de achegas e non proceda de beneficios non distribuídos determinaron rendementos do capital mobiliario pola referida diferenza entre o valor de adquisición e o dos fondos propios, e con posterioridade o contribuínte obtivese dividendos ou participacións en beneficios da mesma entidade en relación con accións ou participacións que permanecesen no seu patrimonio desde a distribución da prima de emisión ou desde a redución de capital, o importe destes minorará o valor de adquisición das mesmas, co límite dos rendementos do capital mobiliario previamente computados polo reparto da prima de emisión ou pola redución de capital con devolución de achegas.