Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2020

En xeral

A determinación das cotas íntegras do IRPF realízase a partir dos dous compoñentes nos que se divide a base liquidable do contribuínte:

  • Base liquidable xeral á que se aplican os tipos progresivos das escalas estatal e autonómica.
  • Base liquidable do aforro á que se aplican os tipos das súas correspondentes escalas estatal e autonómica.

    Sobre este esquema xeral incorpóranse determinadas especialidades derivadas, por unha parte, da propia natureza do IRPF como tributo cedido parcialmente ás Comunidades Autónomas e, por outra, do réxime liquidatorio específico asignado ao mínimo persoal e familiar, ás rendas exentas, agás para determinar o tipo de gravame aplicable ás restantes rendas, tamén denominadas "rendas exentas con progresividade" e ás anualidades por alimentos en favor dos fillos satisfeitas por decisión xudicial.

Gravame estatal e gravame autonómico

O IRPF é un imposto cedido con carácter parcial, co límite do 50 por 100, nos termos establecidos na Lei Orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das Comunidades Autónomas, modificado, por última vez para os efectos do IRPF, pola Lei Orgánica 3/2009, do 18 de decembro (BOE do 19).

Como consecuencia da cesión do IRPF, dentro do procedemento liquidatorio do imposto distínguense dúas fases:unha estatal e outra autonómica. Así, tanto a base liquidable xeral coma a base liquidable do aforro sométense a un gravame estatal e a un gravame autonómico, que dan lugar a unha cota estatal e outra autonómica.A partir desta última, determínase a parte de débeda tributaria que se cede a cada Comunidade Autónoma de réxime común.

No concernente á cota autonómica, cabe destacar que as Comunidades Autónomas de réxime común poden, de acordo co disposto no artigo 46.1 da Lei 22/2009, do 18 de decembro (BOE do 19), asumir competencias normativas na determinación do importe do mínimo persoal e familiar aplicable para o cálculo do gravame autonómico e sobre a escala autonómica aplicable á base liquidable xeral.

Respecto ao importe do mínimo persoal e familiar aplicable para o cálculo do gravame autonómico, tanto as Comunidades Autónomas de Illes Balears, de Cataluña e de La Rioja como as Comunidades de Castela e León e de Madrid, aprobaron os importes do mínimo persoal e familiar que deberán utilizar os contribuíntes residentes en 2020 no seu territorio para o cálculo do gravame autonómico.Os devanditos importes coméntanse no Capítulo 14.

Á Comunidade de Castela e León (porque os seus importes non difiren) así como ao resto das Comunidades Autónomas que non exerceron tal competencia normativa, aplícaselles os importes do mínimo persoal e familiar establecido na Lei do IRPF.

En canto ás escalas autonómicas, todas as Comunidades autónomas teñen aprobadas, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 22/2009, pola que se regula o sistema de financiamento das Comunidades Autónomas de réxime común e Cidades con Estatuto de Autonomía, e no artigo 74 da Lei do IRPF, as correspondentes escalas autonómicas aplicables no exercicio 2020 que máis adiante se detallan.

Non obstante, aos contribuíntes con residencia habitual en Ceuta e Melilla resúltalles aplicable a escala autonómica recollida no artigo 65 da Lei do IRFF (disposición adicional trixésimo segunda Lei IRPF).

Así mesmo, no caso de contribuíntes con residencia habitual no estranxeiro por concorrer algunha das circunstancias ás que se refire os artigos 8.2 e 10.1 da Lei do IRPF, a determinación da cota íntegra total presenta certas especialidades cuxo comentario se realiza nun apartado específico deste Capítulo ("Gravame aplicable a contribuíntes do IRPF residentes no estranxeiro")

Aplicación do mínimo persoal e familiar

Normativa:Arts.63.1.2º e 74.1.2º Lei IRPF

Co obxecto de asegurar un mesmo aforro fiscal para todos os contribuíntes con igual situación persoal e familiar, calquera que sexa o seu nivel de rendas, na actual Lei do IRPF o mínimo persoal e familiar non reduce a renda do período impositivo, senón que forma parte da base liquidable xeral ata o importe desta última e, no seu caso, da base liquidable do aforro polo resto.

A aplicación do mínimo persoal e familiar e a determinación das cotas íntegras do IRPF, represéntanse de forma gráfica no esquema que figura no seguinte apartado: