Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2020

Concepto de adquisición e de rehabilitación da vivenda habitual

Concepto de adquisición de vivenda habitual

Enténdese por adquisición de vivenda habitual, para os efectos da dedución, a adquisición en sentido xurídico do dereito de propiedade ou pleno dominio desta, aínda que este sexa compartido, sendo indiferente o negocio xurídico que a orixine.Así, a adquisición poderá efectuarse por compravenda, permuta, herdanza, legado ou doazón.Exclúese, pois, do concepto de adquisición válido para a aplicación da dedución, a adquisición da nuda propiedade, usufruto ou outros dereitos reais de gozo ou desfrute sobre a vivenda habitual.

A dedución por adquisición de vivenda habitual só poderá aplicarse se con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2013 se tivese adquirido xuridicamente a propiedade desta.É dicir, se con anterioridade á devandita data concorren o contrato (título) e a tradición ou entrega da vivenda (modo).

Precisións:

  • Nos supostos de nulidade matrimonial, divorcio ou separación xudicial, o contribuínte poderá seguir practicando esta dedución polas cantidades satisfeitas no período impositivo para a adquisición da que foi durante a vixencia do matrimonio a súa vivenda habitual, sempre que continúe tendo esta condición para os fillos comúns e o proxenitor en cuxa compañía queden.

    Tamén poderá practicar dedución polas cantidades satisfeitas, se é o caso, para a adquisición da vivenda que constitúa ou vaia constituír a súa vivenda habitual, co límite conxunto de 9.040 euros anuais.

  • Recoñécese o dereito de aplicarse a dedución por investimento en vivenda habitual aínda non sendo titular do pleno dominio cando se trate de supostos nos que a vivenda habitual se adquiriu orixinariamente en plena propiedade polos cónxuxes en pro indiviso ou para a sociedade conxugal, e, constituíndo aquela a vivenda habitual de ambos os dous e dos seus fillos menores, sobrevén a desmembración do dominio, non voluntariamente, senón mortis causa polo falecemento dun dos cónxuxes, e a vivenda siga constituíndo a residencia habitual da unidade familiar. Véxase ao respecto a Resolución do TEAC de 8 maio 2014 en recurso extraordinario de alzada para unificación de criterio.

  • En caso de extinción dun condominio sobre a vivenda habitual a partir do 1 de xaneiro de 2013, se unha das partes obtén o 100 por 100 da vivenda, terá dereito a aplicarse o 100 por 100 da dedución por adquisición de vivenda habitual, ata un total de 9.040 euros de base, sempre que se tivese aplicado nun exercicio anterior a 2013 a devandita dedución na porcentaxe correspondente á súa participación no condominio.

    Neste caso a aplicación da dedución pola parte adquirida ata completar o 100 por 100 do pleno dominio do inmoble terá como límite o importe que tería tido dereito a deducirse dende a data de extinción do condominio o comuneiro que deixa de ser titular do inmoble se a devandita extinción non tivese tido lugar.A dedución estará condicionada tamén a que ao comuneiro que deixa de ser propietario non se lle tivese esgotado á data de extinción do condominio a posibilidade de seguir practicando a dedución por adquisición de vivenda habitual.Véxase ao respecto a Resolución do TEAC da 1 de outubro de 2020 en recurso extraordinario de alzada para unificación de criterio.

Concepto de rehabilitación de vivenda habitual

Normativa:Art.º 55.5 Regulamento IRPF

Para os efectos desta modalidade de dedución, considérase rehabilitación de vivenda habitual as obras realizadas na mesma que cumprisen calquera dos seguintes requisitos:

  1. Que as obras fosen cualificadas ou declaradas como actuación protexida en materia de rehabilitación de vivendas, nos termos previstos no Real Decreto 1186/1998, do 12 de xuño, sobre medidas de financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e chan do Plan 1998-2001 (BOE do 26);no Real Decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, sobre medidas de financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e chan do Plan 2001-2005 (BOE do 12);no Real Decreto 801/2005, da 1 de xullo, polo que se aproba o Plan Estatal 2005-2008, para favorecer o acceso dos cidadáns á vivenda, no Real Decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012 (BOE do 24) ”;no Real Decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 (BOE do 10).
  2. Que as obras teñan por obxecto principal a reconstrución da vivenda mediante a consolidación e o tratamento das estruturas, fachadas ou cubertas e outras análogas, sempre que o custo global das operacións de rehabilitación exceda do 25 por 100 do prezo de adquisición se se tivese efectuado a adquisición durante os dous anos inmediatamente anteriores ao inicio das obras de rehabilitación ou, noutro caso, do valor de mercado que tivera a vivenda no momento do devandito inicio.A estes efectos, descontarase do prezo de adquisición ou do valor de mercado da vivenda a parte proporcional correspondente ao chan.

Recorde:as obras de rehabilitación da vivenda habitual darán dereito á dedución cando se satisfagan cantidades por tal concepto con anterioridade a 1 de xaneiro de 2013, sempre que ademais as obras rematasen antes de 1 de xaneiro de 2017.