Concepto de construción e de ampliación da vivenda habitual
Concepto de construción de vivenda habitual
Para os efectos da dedución, considérase construción de vivenda habitual cando o contribuínte satisfaga directamente os gastos derivados da execución das obras, ou entregue cantidades a conta ao promotor destas, sempre que finalicen nun prazo non superior a catro anos dende o inicio do investimento.
1º. Para o cómputo do prazo de catro anos ha de terse en conta:
Data de inicio do investimento
O cómputo iniciarase a partir da data na que se satisfai a primeira cantidade pola que se practica a dedución por investimento en vivenda habitual ou, no seu caso, por calquera importe que o contribuínte entregue procedente do saldo da conta vivenda aberta por el mesmo.
Data de finalización das obras:
- Nos supostos de autopromoción ou autoconstrución, a data de finalización deberá poder acreditarse por calquera medio de proba válido en dereito, cuxa valoración corresponde efectuar aos órganos de xestión e inspección da Administración tributaria.En ausencia de proba tomarase a data da escritura de declaración de obra nova.
- En caso de pagamentos ao promotor, a data de finalización será a da adquisición xurídica da vivenda, é dicir, cando, subscrito o contrato de compravenda, se realice a tradición ou entrega da cousa vendida, sen que sexa suficiente o feito da terminación da vivenda.
Se as obras non fosen finalizadas no prazo de catro anos, perderase o dereito ás deducións practicadas pola construción e deberase proceder a regularizar a situación.
2º. Ampliación do prazo
Non obstante o anterior, o prazo de catro anos pode verse ampliado, sen perder o dereito ás deducións, nas seguintes situacións:
Situación de concurso do promotor das obras.
Nestes casos, o prazo queda ampliado automaticamente noutros catro anos, sempre que o contribuínte que estea obrigado a presentar declaración polo IRPF, no período impositivo en que se tivese incumprido o prazo inicial, acompañe a esta tanto os xustificantes que acrediten os seus investimentos en vivenda coma calquera documento xustificativo de terse producido a referida situación.
Cando se produzan outras circunstancias excepcionais non imputables ao contribuínte, distintas da anterior, que supoñan paralización das obras.
Nestes supostos, o contribuínte pode solicitar da Administración tributaria a ampliación do prazo.
A solicitude deberá presentarse na Delegación ou Administración da Axencia Estatal de Administración Tributaria correspondente ao seu domicilio fiscal, durante os trinta días seguintes á data do incumprimento do prazo.Na solicitude deberán figurar tanto os motivos que provocaron o incumprimento do prazo como o período de tempo que se considera necesario para finalizar as obras de construción, o cal non poderá ser superior a catro anos.
Á vista da solicitude presentada e da documentación achegada, o titular da Administración ou Delegación da Axencia Estatal da Administración Tributaria decidirá tanto sobre a procedencia da ampliación solicitada como con respecto ao prazo de ampliación, que non terá que axustarse necesariamente ao solicitado polo contribuínte.A ampliación concedida comezará a contarse a partir do día inmediato seguinte a aquel en que se produciu o incumprimento.
As solicitudes de ampliación do prazo que non sexan resoltas expresamente no prazo de tres meses, poderán entenderse desestimadas.
Recorde: para que a vivenda teña a consideración de habitual debe ser ocupada polo contribuínte no prazo máximo de doce meses dende a terminación das obras, salvo que o impida algunha das circunstancias excepcionais comentadas anteriormente na epígrafe "Concepto de vivenda habitual", neste mesmo Capítulo.
Concepto de ampliación de vivenda habitual
Enténdese por ampliación de vivenda habitual o aumento da súa superficie habitable, producido mediante cerramento de parte descuberta ou por calquera outro medio, de forma permanente e durante todas as épocas do ano.Así, dentro deste concepto enténdese comprendida tanto a adquisición dunha vivenda contigua como dunha vivenda situada nun nivel inmediatamente superior ou inferior, co fin de unila á vivenda habitual e aumentar desta forma a superficie habitable desta.