Rateo, cálculo do importe e límite das deducións
Rateo
Cando dous ou máis contribuíntes teñan dereito á aplicación dalgunha das anteriores deducións respecto dun mesmo descendente, ascendente ou familia numerosa, o seu importe ratearase entre eles por partes iguais, sen prexuízo da solicitude de abono anticipado á que máis adiante nos referimos.
Cálculo do importe
As deducións aplícanse, para cada contribuínte con dereito a estas, proporcionalmente ao número de meses en que se cumpran de forma simultánea os requisitos previstos para aplicala.
Para os efectos do cómputo do número de meses para o cálculo do importe da dedución a que se refire o apartado anterior teranse en conta as seguintes regras:
A determinación da condición de familia numerosa, do estado civil do contribuínte, do número de fillos que exceda do número mínimo de fillos esixido para que a familia adquirise a condición de familia numerosa de categoría xeral ou especial e da situación de discapacidade realizarase de acordo coa súa situación o último día de cada mes.
No mesmo sentido, se se produce o cesamento da discapacidade, a caducidade do título de familia numerosa, a disolución do matrimonio (sendo o cónxuxe minusválido) con efectos dende o último día do mes, non se terá dereito a aplicar a dedución correspondente por ese mes.
Por último, no caso de que se produza o falecemento da persoa que orixina o dereito á dedución, ou o falecemento do contribuínte, tendo en conta que debe terse en conta a situación existente no último día do mes non se terá dereito á aplicación da dedución por ese mes.
- Para contribuíntes que realicen unha actividade por conta propia ou allea, o requisito de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou Mutualidade entenderase cumprido cando esta situación se produza en calquera día do mes.
- Para contribuíntes que perciban as prestacións contributivas e asistenciais do sistema de protección do desemprego, pensións da Seguridade Social ou Clases Pasivas e prestacións análogas ás anteriores, o requisito de percibir as citadas prestacións entenderase cumprido cando tales prestacións se perciban en calquera día do mes, e non será aplicable o requisito de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou Mutualidade.
Límite das deducións
A. En xeral:
No caso dos contribuíntes que realicen unha actividade por conta propia ou allea pola cal estean dados de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade, o límite para cada unha das deducións será o importe das cotizacións e cotas totais á Seguridade Social e Mutualidades de carácter alternativo devindicadas en cada período impositivo con posterioridade ao momento en que se cumpran os requisitos previstos para a súa aplicación. Non obstante, no período impositivo no que se produza a situación que orixina a finalización do dereito á dedución (fin da discapacidade, falecemento do descendente ou do ascendente, caducidade do título de familia numerosa, disolución do matrimonio) só deben terse en conta as cotizacións á Seguridade Social devindicadas durante o período no que se ten dereito a aplicar a dedución e non as de todo o ano.
A estes efectos terase en conta de forma conxunta, tanto o número de meses en que se cumpran de forma simultánea os requisitos previstos para a súa aplicación como as cotizacións e cotas totais á Seguridade Social e Mutualidades correspondentes a todos os contribuíntes que tiveran dereito á dedución.
Atención: para os efectos do cálculo deste límite computaranse as cotizacións e cotas polos seus importes íntegros, sen tomar en consideración as bonificacións que puidesen corresponder.
B. Regras especiais:
- Se o contribuínte tivese dereito á dedución respecto de varios ascendentes ou descendentes con discapacidade, o citado límite aplicarase de forma independente respecto de cada un deles.
- En caso de familias numerosas de categoría especial, o incremento nun 100 por 100 da dedución (1.200 euros) non se terá en conta para os efectos do citado límite.
- Tampouco se terá en conta para os efectos do citado límite o incremento de ata en 600 euros anuais por cada un dos fillos que formen parte da familia numerosa que exceda do número mínimo de fillos esixido para que a devandita familia adquirise a condición de familia numerosa de categoría xeral ou especial.
C. Excluídos do Límite:
Aos contribuíntes que perciban as prestacións contributivas e asistenciais do sistema de protección do desemprego, pensións da Seguridade Social ou Clases Pasivas e prestacións análogas ás anteriores, non lles resulta de aplicación o límite anterior do importe das cotizacións e cotas satisfeitas á Seguridade Social e Mutualidades de carácter alternativo devindicadas en cada período impositivo nin, no caso de que se tivese cedido ao seu favor o dereito á dedución, teranse en conta de forma conxunta as cotizacións e cotas totais á Seguridade Social e Mutualidades correspondentes a todos os contribuíntes que tiveran dereito á dedución.