Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2020

O Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF)

Natureza do IRPF

Normativa:Art. 1 Lei IRPF

O Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (en diante, IRPF) é un tributo de carácter persoal e directo que grava, segundo os principios de igualdade, xeneralidade e progresividade, a renda das persoas físicas de acordo coa súa natureza e as súas circunstancias persoais e familiares.

Que se entende por "renda" para os efectos do IRPF?

Normativa:Art.º 2 Lei IRPF

A renda do contribuínte, que constitúe o obxecto do IRPF, defínese legalmente como a totalidade dos seus rendementos, ganancias e perdas patrimoniais, así como as imputacións de renda establecidas por lei, con independencia do lugar onde se tivesen producido e calquera que sexa a residencia do pagador.

Tratamento das circunstancias persoais e familiares no IRPF

O mínimo persoal e familiar constitúe a parte da base liquidable que, por destinarse a cubrir as necesidades vitais do contribuínte e das persoas que del dependen, non se somete a tributación.

Ámbito de aplicación do IRPF

Normativa: Art. 4 e 5 Lei IRPF

O IRPF aplícase en todo o territorio español, coas especialidades previstas para Canarias, Ceuta e Melilla e sen prexuízo dos réximes tributarios forais de concerto e convenio económico en vigor, respectivamente, nos Territorios Históricos do País Vasco e na Comunidade Foral de Navarra.

Todo iso sen prexuízo do disposto nos tratados e convenios internacionais que pasasen a formar parte do ordenamento interno, de conformidade co artigo 96 da Constitución Española.