Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2020

Rendemento mínimo computable en caso de parentesco

Normativa: Arts.24 e 85 Lei IRPF

Cando o adquirente, cesionario, arrendatario ou subarrendatario do ben inmoble ou do dereito real que recaia sobre este, sexa o cónxuxe ou un parente do contribuínte, incluídos os afíns ata o terceiro grao inclusive, o rendemento neto total computable non poderá ser inferior á contía que resultaría da aplicación do réxime especial de imputación de rendas inmobiliarias ao inmoble ou dereito real de que se trate.

De acordo co devandito réxime especial, o rendemento neto total mínimo non poderá ser inferior ao que resulte de aplicar:

  • O 2 por 100 ao valor catastral que corresponda ao inmoble en cada período impositivo.
  • O 1,1 por 100 do valor catastral se se trata de inmobles urbanos cuxos valores catastrais fosen revisados ou modificados, ou determinados mediante un procedemento de valoración colectiva de carácter xeral, de conformidade coa normativa catastral, e entrasen en vigor no período impositivo ou no prazo dos dez períodos impositivos anteriores.
  • Aplicarase, así mesmo, a porcentaxe do 1,1 por 100 no suposto de que, á data de devindicación do IRPF (normalmente o 31 de decembro), o inmoble careza de valor catastral ou o devandito valor non fose notificado ao seu titular, se ben a devandita porcentaxe se aplicará sobre o 50 por 100 do maior dos seguintes valores:

    1. Valor comprobado pola Administración para os efectos doutros tributos.
    2. O prezo, contraprestación ou valor da adquisición.

Se os arrendatarios do inmoble son varios, este réxime especial aplícase á parte do rendemento neto que corresponda aos familiares que teñan o grao de parentesco legalmente establecido.

Se o rendemento neto correspondente ao arrendamento ou cesión do inmoble, unha vez aplicadas sobre este, se é o caso, as reducións anteriormente comentadas, fose inferior ao rendemento mínimo, farase constar este último importe na casa [0152] da declaración.