Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2020

Fase 5ª:Determinación do rendemento neto reducido da actividade

Normativa: Arts.32.1 Lei IRPF e 25 Regulamento

O rendemento neto reducido da actividade é o resultado de minorar a contía do rendemento neto da actividade no importe equivalente ao 30 por 100 do concepto "outras percepcións empresariais" cuxo período de xeración sexa superior a dous anos, así como daquelas que se cualifiquen regulamentariamente como obtidas de forma notoriamente irregular no tempo, cando estes se imputen nun único período impositivo

Para estes efectos, considéranse obtidas de forma notoriamente irregular no tempo, exclusivamente, as seguintes, cando se imputen nun único período impositivo:

  • Subvencións de capital para a adquisición de elementos do inmobilizado non amortizables.
  • Indemnizacións e axudas por cesamento de actividades económicas.
  • Indemnizacións percibidas en substitución de dereitos económicos de duración indefinida.

Importe máximo do rendemento ao que se aplica a redución:

A contía do rendemento neto a que se refire este apartado sobre a que se aplicará a citada redución non poderá superar o importe de 300.000 euros anuais.

No caso de que se obteñan varios rendementos irregulares da mesma natureza, e que o seu importe supere o límite de 300.000 euros de contía máxima sobre a que aplicar a redución do 30 por 100, a redución máxima distribuirase proporcionalmente entre todos os rendementos desa natureza.