A. En xeral
Poderán aplicar estas deducións os seguintes contribuíntes:
-
Os que realicen unha actividade por conta propia ou allea pola que estean dados de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade.
-
Os que perciban prestacións contributivas e asistenciais do sistema de protección do desemprego.
No suposto dos desempregados, para ter dereito a aplicar as deducións cómpre estar cobrando unha prestación, contributiva ou asistencial, do sistema de protección do desemprego. Non sendo suficiente con estar inscrito como demandante de emprego.
Atención Covid-19: teñen dereito a estas deducións:
-
Os contribuíntes que percibisen as prestacións económicas extraordinarias por cesamento ou redución da actividade económica do autónomo a consecuencia da epidemia de COVID-19 que corresponden á acción protectora da Seguridade Social:
Trátase, polo tanto, de prestacións extraordinarias da Seguridade Social para os traballadores autónomos, cuxa natureza é análoga á prestación económica por cesamento total, temporal ou definitivo, da actividade que foi establecida na Lei 32/2010, do 5 de agosto, pola que se establece un sistema específico de protección por cesamento de actividade dos traballadores autónomos (BOE do 6) e encóntrase actualmente regulada nos artigos 327 e seguintes do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real decreto Lexislativo 8/2015, do 30 de outubro (BOE do 31).
En consecuencia, a cualificación destas prestacións extraordinarias polo COVID-19 (do mesmo xeito que a da referida prestación xeral por cesamento de actividade) sería a de rendementos do traballo, de conformidade co artigo 17.1 b) da Lei IRPF, que inclúe entre os rendementos íntegros do traballo as prestacións por desemprego, entendido este dunha forma ampla e non só comprensivo da situación de cesamento de actividade correspondente aos traballadores por conta allea.
Entre as devanditas prestacións encóntranse as prestacións extraordinarias por cesamento de actividade dos artigos 5, 6, 7 e 8 do Real Decreto-lei 2/2021, do 26 de xaneiro, de reforzo e consolidación de medidas sociais en defensa do emprego (BOE do 27); ou as previstas nos artigos 6, 7, 8 e 9 do Real Decreto-lei 11/2021, do 27 de maio, sobre medidas urxentes para a defensa do emprego, a reactivación económica e a protección dos traballadores autónomos (BOE do 28).
-
Os contribuíntes afectados por ERTE (expediente de regulación temporal de emprego), tendo en conta que se encontran en situación de desemprego e teñen dereito á percepción de prestacións por desemprego.
-
-
Os que perciban pensións abonadas polo Réxime Xeral e os Réximes especiais da Seguridade Social ou polo Réxime de Clases Pasivas do Estado.
Non dan dereito ás deducións as prestacións xeradas pola Lei 39/2006, do 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia.
-
Os que perciban prestacións análogas ás anteriores recoñecidas aos profesionais non integrados no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores por conta propia ou autónomos polas Mutualidades de Previsión Social que actuen como alternativas ao réxime especial da Seguridade Social mencionado, sempre que se trate de prestacións por situacións idénticas ás previstas para a correspondente pensión da Seguridade Social.
A aplicación das deducións esténdese aos contribuíntes dados de alta no estranxeiro en sistemas públicos de protección social análogos á Seguridade Social española ou ás mutualidades de previsión social alternativas á Seguridade Social, e aos que reciben prestacións por desemprego ou pensións de réximes públicos de previsión social correspondentes a Estados distintos de España.