Introdución
A cota diferencial, como regra xeral, constitúe o resultado da declaración . Porén, naqueles supostos en que o contribuínte teña dereito á dedución por maternidade establecida no artigo 81 da Lei do IRPF, ou ás deducións por familia numerosa ou persoas con discapacidade a cargo previstas no artigo 81 bis da Lei do IRPF, o resultado da declaración virá determinado polas seguintes operacións que se indican:
(±) Cota diferencial
(-) Dedución por maternidade e incremento por gastos de custodia en gardarías ou centros de educación infantil autorizados
(-) Dedución por descendentes con discapacidade a cargo
(-) Dedución por ascendentes con discapacidade a cargo
(-) Dedución por cónxuxe non separado legalmente con discapacidade a cargo
(-) Dedución por familia numerosa
(-) Dedución por ascendente, separado legalmente ou sen vínculo matrimonial, con dous fillos sen dereito a percibir anualidades por alimentos
(+) Importe do aboamento anticipado da Dedución por maternidade
(+) Importe do aboamento anticipado da "Dedución por descendentes con discapacidade a cargo"
(+) Importe do aboamento anticipado da "Dedución por ascendentes con discapacidade a cargo”
(+) Importe do aboamento anticipado da "Dedución por cónxuxe non separado legalmente con discapacidade a cargo"
(+) Importe do aboamento anticipado da "Dedución por familia numerosa"
(+) Importe do aboamento anticipado da "Dedución por ascendente, separado legalmente ou sen vínculo matrimonial, con dous fillos sen dereito a percibir anualidades por alimentos"
(=) Resultado da declaración (a ingresar ou a devolver)
Se o resultado da declaración é unha cantidade positiva, non esqueza ingresar o seu importe, ben sexa a totalidade ou o primeiro prazo, dentro do período comprendido entre os días 6 de abril e 30 de xuño de 2022, ambos os dous incluídos.
Se o resultado da declaración é unha cantidade negativa, o contribuínte ten dereito a solicitar a devolución da cantidade que resulte ao seu favor, solicitude que debe efectuarse no documento de ingreso ou devolución modelo 100.
O importe da devolución non poderá exceder da suma da cantidade reflectida no recadro [0609] en concepto de pagamentos a conta máis a suma, de ser positiva, da diferenza entre as cantidades reflectidas nos recadros [0611] e [0612] mas o recadro [0613] na dedución por maternidade, da diferenza dos recadros [0623] e [0624] na dedución por descendentes con discapacidade a cargo; dos recadros [0636] e [0637] na dedución por ascendentes con discapacidade a cargo e, dos recadros [0248] e [0249] na dedución por cónxuxe non separado legalmente con discapacidade; dos recadros [0660] e [0661] na dedución por familia numerosa e, por último dos recadros [0662] e [0663] na dedución por ascendente, separado legalmente ou sen vínculo matrimonial, con dous fillos sen dereito a percibir anualidades por alimentos.