Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2022.

H) Indemnizacións exentas derivadas da extinción de relacións laborais especiais

a. Persoal de alta dirección

Normativa: Arts. 2.1.a) Estatuto dos Traballadores e 11 Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección (BOE do 12 de agosto)

No caso de persoal de alta dirección o contrato de traballo pode extinguirse polas causas e mediante os procedementos previstos no Estatuto dos Traballadores, agás as seguintes especialidades que establece o artigo 11 do Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto:

  1. Extinción do contrato por desistencia do empresario. 

    Nestes casos o alto directivo terá dereito ás indemnizacións pactadas no contrato e, a falta de pacto, a indemnización será equivalente a sete días do salario en metálico por ano de servizo co límite de seis mensualidades.

    A contía da indemnización fixada para estes supostos (7 días cun máximo de 6 mensualidades ) considérase como mínima obrigatoria e, por iso, exenta no IRPF, de acordo co criterio interpretativo fixado na Sentenza do Tribunal  Supremo número 1528/2019, do 5 de novembro, da  Sección Segunda da  Sala do Contencioso-administrativo (ROJ: STS 3678/2019).

    Precisar que o fallo da Sentenza número 1528/2019 baséase na doutrina sentada na sentenza do Pleno da Sala do Social do Tribunal Supremo do 22 de abril de 2014 (Recurso de casación para a unificación de doutrina núm. 1197/2013) que considerou que a indemnización de sete días do salario en metálico por ano de servizo co límite de seis mensualidades que fixa o artigo 11.1 Real decreto 1382/1985, é un "mínimo  de dereito necesario, non dispoñible" e, por iso, obrigatorio, incluso nos casos en que se pactase a extinción do contrato sen indemnización.

  2. No suposto de despedimento declarado improcedente,  e de acordo co criterio interpretativo anterior,  considérase exenta a parte de indemnización que non supere a contía mínima obrigatoria prevista no apartado 2 do citado artigo 11 do Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto (20 días de salario en metálico por ano de servizo e ata un máximo de 12 mensualidades).

b. Deportistas profesionais

Normativa: Arts. 2.1.d) Estatuto dos Traballadores e 15 Real decreto 1006/1985, do 26 de xuño polo que se regula a relación laboral especial dos deportistas profesionais (BOE do 27 de xuño)

En caso de despedimento improcedente, o deportista profesional con relación laboral especial (Real decreto 1006/1985, do 26 de xuño), teñen dereito a unha indemnización mínima garantida de polo menos dúas mensualidades das súas retribucións periódicas, máis a parte proporcional correspondente dos complementos de calidade e cantidade de traballo percibido durante o último ano, rateandose por meses os períodos de tempo inferiores a un ano.

A indemnización percibida por estes considérase que goza da exención do artigo 7.e) da Lei do IRPF ata o importe  que corresponda ao devandito límite (dous meses por ano traballado ).

c. Empregados do servizo do fogar familiar

Normativa: Arts. 2.1.b) Estatuto dos Traballadores e 11 Real decreto 1620/2011, do 14 de novembro, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do servizo do fogar familiar (BOE do 17 de novembro)

No caso empregados do servizo do fogar familiar (relación laboral de carácter especial regulada no Real decreto 1620/2011, do 14 de novembro) hai que distinguir a causa do cesamento ou despedimento:

Se o contrato se extingue por desistencia do empregador, a indemnización exenta é:

  • Para os contratos celebrados a partir do 1 xaneiro de 2012, de 12 días naturais por ano de servizo, co límite de 6 mensualidades.

  • Para os contratos anteriores a esa data, de 7 días por ano co límite de 6 mensualidades.

Se se trata de despedimento improcedente, a indemnización exenta será de 20 días naturais por ano de servizo, co límite de 12 mensualidades.