1. Ingresos de explotación
Teñen esta consideración a totalidade dos ingresos íntegros derivados da venda de bens ou prestacións de servizos que constitúan o obxecto propio da actividade, incluídos, se é o caso, os procedentes de servizos accesorios á actividade principal.
Véxase a norma de rexistro e valoración 14ª do Plan Xeral de Contabilidade, aprobado por Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro (BOE do 20 de novembro), dedicada a ingresos por vendas e prestación de servizos.
De acordo coa devandita norma os ingresos procedentes da venda de bens e da prestación de servizos valoraranse polo valor razoable da contrapartida ##1##, recibida ou por recibir, derivada dos mesmos, que, agás evidencia en contrario, será o prezo acordado para os devanditos bens ou servizos, deducido o importe de calquera desconto, rebaixa no prezo ou outras partidas similares que a empresa poida conceder, así como os intereses incorporados ao nominal dos créditos. Non obstante, poderán incluírse os intereses incorporados aos créditos comerciais con vencemento non superior a un ano que non teñan un tipo de xuro contractual, cando o efecto de non actualizar os fluxos de efectivo non sexa significativo.
Os impostos que gravan as operacións de venda de bens e prestación de servizos que a empresa debe repercutir a terceiros como o Imposto sobre o Valor Engadido e os Impostos Especiais, así como as cantidades recibidas por conta de terceiros, non formarán parte dos ingresos .
Cando medie contraprestación e esta sexa notoriamente inferior ao valor de mercado dos bens vendidos e dos servizos prestados, a valoración dos mesmos efectuarase polo seu valor normal no mercado.
Nas operacións económicas realizadas cunha sociedade coa que se dean relacións de vinculación nos termos previstos no artigo 18 da LIS, as operacións entre persoas ou entidades vinculadas valoraranse polo seu valor de mercado. Entenderase por valor de mercado aquel que se acordaría por persoas ou entidades independentes condicións que respecten o principio de libre competencia.
Nestes casos o titular da actividade deberá cumprir as obrigas de documentación das operacións vinculadas nos termos e condicións establecidas no capítulo V do título I (artigos 13 a 16) do Regulamento do Imposto sobre Sociedades, aprobado por Real decreto 634/2015, do 10 de xullo (BOE do 11 de xullo).
Persoas ou entidades vinculadas:
Para determinar cando hai vinculación ten que atenderse ao que se dispón no artigo 18.2 da LIS, en que se consideran persoas ou entidades vinculadas:
- Unha entidade e os seus socios ou partícipes.
- Unha entidade e os seus conselleiros ou administradores, agás no correspondente á retribución polo exercicio das súas funcións.
- Unha entidade e o cónxuxes ou persoas unidas por relacións de parentesco, en liña directa ou colateral, por consanguinidade ou afinidade ata o terceiro grao dos socios ou partícipes, conselleiros ou administradores.
- Unha entidade e os conselleiros ou administradores doutra entidade, cando ambas as dúas entidades pertenzan a un grupo.
Nos supostos en que a vinculación se defina en función da relación dos socios ou partícipes coa entidade, a participación deberá ser igual ou superior ao 25 por 100. A mención aos administradores incluirá aos de dereito e aos de feito. Nos supostos en que a vinculación non se defina en función da relación socios ou partícipes-entidade, a porcentaxe de participación a considerar será o 25 por 100.
Nestes supostos, o contribuínte do IRPF deberá cumprir as obrigas de documentación das operacións vinculadas nos termos e condicións establecidas no capítulo V (artigos 13 a 16) do Regulamento do Imposto sobre Sociedades, aprobado por Real decreto 634/2015, do 10 de xullo (BOE do 11 de xullo).