5. Outras percepcións empresariais
Normativa: Véxase norma común 3 do Anexo III Orde HFP/1335/2021, do 1 de decembro (BOE do 2 de decembro).
O rendemento neto de módulos deberá incrementarse no importe correspondente a outras percepcións empresariais tales como as subvencións correntes e de capital.
Os criterios de imputación temporal das subvencións correntes e de capital coméntanse no Capítulo 7 deste manual.
Importante: teña en conta que tributan como subvencións correntes as axudas directas ao sector de transportes por estrada prevista nos artigos 25 do Real Decreto-lei 6/2022, do 29 de marzo (BOE do 30 de marzo) e 4 do Real Decreto-lei 14/2022, do 1 de agosto (BOE do 2 de agosto).
A diferenza das anteriores as prestacións percibidas da Seguridade Social por incapacidade temporal, risco durante o embarazo ou invalidez provisional, se é o caso, tributan como rendementos do traballo.
Covid 19 : as prestacións económicas extraordinarias por cesamento ou redución da actividade económica do autónomo que se percibisen a consecuencia da epidemia de Covid-19 son prestacións do sistema de protección de desemprego, cuxa natureza é análoga á prestación económica por cesamento total, temporal ou definitivo, da actividade que regulan os artigos 327 e seguintes do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real decreto Lexislativo 8/2015, do 30 de outubro (BOE do 31 de outubro). Por iso, cualifícanse como rendementos do traballo, de conformidade co artigo 17.1 b) da Lei IRPF.
A diferenza das anteriores, as axudas ou subvencións concedidas polas Comunidades Autónomas co obxectivo de favorecer o mantemento da actividade económica dos autónomos ante os efectos das medidas adoptadas para facer fronte á epidemia de Covid-19, en canto non teñen encaixe noutros conceptos do IRPF e o seu obxecto é compensar a diminución de ingresos obtidos na actividade económica, cualifícanse como rendementos de actividades económicas (subvencións correntes) e deben imputarse ao exercicio en que se conceden, non sendo que se optase polo criterio de cobramentos e pagamentos para a imputación temporal dos rendementos da actividade.