Concepto
Con respecto ás criptomonedas ou moedas virtuais, podemos encontrar unha definición legal das mesmas no apartado 5 ao artigo 1 da Lei 10/2010, do 28 de abril, de prevención do branqueo de capitais e do financiamento do terrorismo (BOE do 29 de abril), que dispón:
“5. entenderase por moeda virtual aquela representación dixital de valor non emitida nin garantida por un banco central ou autoridade pública, non necesariamente asociada a unha moeda legalmente establecida e que non posúe estatuto xurídico de moeda ou diñeiro, pero que é aceptada como medio de cambio e pode ser transferida, almacenada ou negociada electronicamente."
Tendo en conta esta definición as moedas virtuais ("criptomonedas" ou "tokens de pagamento") considéranse, a efectos fiscais, como bens inmateriais, computables por unidades ou fraccións de unidades, que non son moeda de curso legal, que poden ser intercambiados por outros bens, incluíndo outras moedas virtuais, dereitos ou servizos, se se aceptan pola persoa ou entidade que transmite o ben ou dereito ou presta o servizo, e que poden adquirirse ou transmitirse xeralmente a cambio de moeda de curso legal.
Atendendo a que cada moeda virtual ten a súa orixe nun protocolo informático específico, distinto ámbito de aceptación, distinta liquidez, valor e denominación, as distintas moedas virtuais son bens diferentes.