Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2022.

Exemplo: Dedución por obras de mellora para a redución da demanda de calefacción e refrixeración

O matrimonio formado por don J.P e dona R.L, casados en réxime legal de gananciais, realiza o 27  de xuño de 2022  na súa vivenda habitual a substitución de todas as xanelas (marco e acristalamento) por dobres xanelas para conseguir maior eficiencia no illamento térmico da vivenda por un importe total de 8.900 euros que se fixeron efectivos o 30 de xuño de 2022  mediante transferencia bancaria.

Polo cambio de xanelas solicitou e obtivo unha axuda da súa Comunidade Autónoma de residencia que ascendeu a 1.500 euros.

Ademais, noutra vivenda da súa titularidade alugada realizouse durante o mes de decembro o cambio da caldeira de gas por unha de biomasa, o que supón un 13 por 100 de aforro enerxético. O custo total da nova caldeira ascende a 3.500 euros, e satisfixéronse o 31 de decembro de 2022.

Para acreditar o cumprimento dos requisitos esixidos para a práctica desta dedución solicitouse en ambas as dúas vivendas a expedición dun certificado de  eficiencia enerxética antes e despois das obras.

Na súa vivenda habitual emitiuse un certificado o 15 de maio  de 2022  (antes das obras) e outro o 22 de xullo  de 2022, resultando unha redución dun 20 por 100 na suma dos indicadores de demanda de calefacción e refrixeración do certificado de eficiencia enerxética expedido polo técnico competente. O importe dos certificados ascendeu a 100 euros.

No caso da vivenda alugada, dispúñase dun certificado de eficiencia enerxética de menos de dous anos de antigüidade e tras o cambio de caldeira en decembro de 2022  expediuse novo certificado o 10 de xaneiro de 2023  por importe de 80 euros que acredita o citado aforro do 13 por 100.

Determinar o importe da dedución para 2022  en tributación individual e en conxunta.

Solución:

Nota previa: c omo na vivenda alugada o certificado eficiencia enerxética emitido despois da realización das obras expediuse o 10 de xaneiro de 2023  será na declaración correspondente a ese exercicio (2023) en que se practicará a dedución que corresponda polo cambio de caldeira tomando en consideración as cantidades satisfeitas en decembro de 2022.

Teñase en conta para estes fins que aínda que inicialmente esta dedución se extendia ata o 31 de decembro de 2022, o artigo 21 do Real Decreto-lei 18/2022, do 18 de outubro, polo que se aproban medidas de reforzo da protección dos consumidores de enerxía e de contribución á redución do consumo de gas natural en aplicación do "Plan + seguridade para a túa enerxía (+SE)" así como medidas en materia de retribucións do persoal ao servizo do sector público e de protección das persoas traballadoras agrarias eventuais afectadas pola seca (BOE do 19 de outubro) modificou, con efectos 1 de xaneiro de 2023, as deducións por obras de mellora da eficiencia enerxética de vivendas que regula a Disposición adicional quincuaxésima da Lei do IRPF, ampliando nesta dedución o seu ámbito temporal ata o 31 de decembro de 2023.

Polo tanto, no exercicio 2022  só aplicarase a dedución pola obra realizada na vivenda habitual para a que, tras a súa finalización, o certificado expediuse 22  de xullo de 2022.

Contribuínte don J.P.

  • Base de dedución: 3.750

    8.900 euros (obras) + 100 euros (certificados) – 1.500 euros (axuda obtida) ÷ 2 = 3.750 euros

    Teñase en conta que as subvencións derivadas do Plan Renove de substitución de xanelas das distintas Comunidades Autónomas son obtidas polo xeral polos beneficiarios en forma de desconto que, na factura de adquisición e instalación dos bens, aplícanlles as entidades colaboradoras do programa, as cales tramitan a subvención en representación do beneficiario, aplicandoa na factura en concepto de anticipo ao mesmo.

  • Base máxima da dedución: 5.000 euros

  • Importe da dedución: (3.750 x 20 %) = 750

Contribuínte dona R.L.

  • Base de dedución:

    8.900 euros (obras) + 100 euros (certificados) – 1.500 euros (axuda obtida) ÷ 2 = 3.750 euros

  • Base máxima da dedución: 5.000 euros

  • Importe da dedución: (3.750 x 20 %) = 750

Declaración conxunta de don J.P. e dona R.L.

  • Base de dedución:

    8.900 euros (obras) + 100 euros (certificados) – 1.500 euros (axuda obtida) = 7.500 euros

  • Base máxima da dedución: 5.000 euros

  • Importe da dedución: (5.000 x 20 %) = 1.000