Introdución
No presente exercicio, como nos anteriores, aprobouse un único modelo de declaración (Modelo D-100) que deberán utilizar todos os contribuíntes obrigados a declarar polo IRPF.
A Administración tributaria poderá pór a disposición dos contribuíntes, a efectos meramente informativos, un borrador de declaración, sempre que obteñan rendas procedentes exclusivamente das seguintes fontes:
-
Rendementos do traballo.
-
Rendementos do capital mobiliario suxeitos a retención ou ingreso a conta, así como os derivados de letras do Tesouro.
-
Ganancias patrimoniais sometidas a retención ou ingreso a conta, así como as subvencións para a adquisición de vivenda habitual.
-
Imputación de rendas inmobiliarias e aqueloutras fontes de renda que estableza o ministro de Facenda e Administracións Públicas, de acordo coa información de que poida dispor de agora en adiante a Administración tributaria, cos límites e condicións sinaladas polo mesmo.
A tales efectos, a Administración tributaria poderá requirir aos contribuíntes a achega de información.
Cando a Administración tributaria careza da información necesaria para a elaboración do borrador de declaración, porá a disposición do contribuínte os datos que poidan facilitarlle a confección da declaración do IRPF.
O borrador de declaración elabórase para cada contribuínte a través do Servizo Renda WEB a partir dos datos económicos facilitados por terceiros a través de declaracións informativas e da información de carácter persoal en poder da AEAT.
Os datos fiscais e o propio borrador de declaración poderán ser modificados polo contribuínte, que tamén terá a opción de incorporar novos datos se cumprise.