Procedemento para a presentación da declaración atendendo ao resultado: a ingresar ou a devolver
Unha vez realizada a declaración accedendo a través do Servizo de tramitación do borrador / declaración para a confirmación do borrador e / ou a presentación da declaración ou, se é o caso, desde a opción dispoñible na páxina de trámites do modelo 100 na Sede electrónica da Axencia Estatal de Administración Tributaria para a presentación de declaracións en representación de terceiras persoas, deberá procederse, en función do resultado da mesma (a ingresar ou a devolver) e da domiciliación bancaria ou non do pagamento correspondente á totalidade do ingreso ou ao primeiro prazo, da seguinte forma:
a) Declaración con resultado a ingresar cuxo pagamento total non se realiza mediante domiciliación bancaria ou cando se realice o pagamento parcial con solicitude de adiamento ou fraccionamento, compensación, recoñecemento de débeda ou mediante entrega de bens do Patrimonio Histórico Español.
O declarante ou, se é o caso, o presentador deberá conectarse coa Sede electrónica da Axencia Estatal de Administración Tributaria en Internet, no enderezo electrónico https://sede.agenciatributaria.gob.es, accedendo ao Servizo de tramitación do borrador/declaración. A continuación, cubrirá ou confirmará, se é o caso, as opcións de fraccionamento do pagamento e domiciliación do segundo prazo, ofrecendose no momento da súa presentación dúas alternativas:
1ª. Consignar o Número de Referencia Completo (NRC) previamente obtido tras efectuar o ingreso na entidade colaboradora e proceder á confirmación e presentación do borrador de declaración.
Con esta finalidade, o declarante ou o presentador poderá obter o Número de Referencia Completo (NRC) da entidade colaboradora por algunha das seguintes vías:
-
De forma directa, ben nas súas oficinas ou ben a través dos servizos de banca electrónica que aquelas presten aos seus clientes.
-
A través da Sede electrónica da Axencia Estatal de Administración Tributaria, por vía electrónica, utilizando un certificado electrónico recoñecido ou mediante a utilización do sistema Cl@ve Móbil (inclúe Cl@ve PIN))
2ª. Obter un documento de ingreso co que se pode efectuar o pagamento nunha entidade colaboradora.
En ambos os dous casos se a declaración é aceptada, a Axencia Estatal de Administración Tributaria devolverá en pantalla os datos do modelo de declaración do IRPF correspondente á declaración presentada, xustificante de presentación, validado cun código seguro de verificación en que constará a data e hora de presentación que o declarante deberá imprimir ou arquivar e conservar.
No suposto de que a autoliquidación fose rexeitada, mostraranse os erros detectados para que se proceda á súa emenda.
b) Declaración con resultado a ingresar cuxo pagamento total ou o correspondente ao primeiro prazo realízase mediante domiciliación bancaria
Novidade 2023: os contribuíntes cuxa declaración resulte a ingresar poderán realizar a domiciliación bancaria nunha entidade non colaboradora pertencente á Zona Única de Pagamentos en Euros (Zona SEPA).
Véxase a respecto disto a Orde HFP/387/2023, do 18 de abril, pola que se modifica a Orde EHA/1658/2009, do 12 de xuño, pola que se establecen o procedemento e as condicións para a domiciliación do pagamento de determinadas débedas a través das entidades de crédito que prestan o servizo de colaboración na xestión recadadora da Axencia Estatal de Administración Tributaria.
A transmisión da declaración non precisará, con carácter previo, a comunicación coa Entidade colaboradora para a realización do ingreso e a obtención do NRC.
A transmisión da autoliquidación, en que se recollerá a correspondente orde de domiciliación, realizarase de acordo co comentado no apartado anterior.
O contribuínte poderá conservar ademais da declaración aceptada, así como o documento de ingreso ou devolución, modelo 100, o documento de ingreso do segundo prazo, modelo 102, validado cun código seguro de verificación de 16 caracteres en que constará, ademais da data e hora de presentación da declaración, a orde de domiciliación efectuada e, se é o caso, a opción de fraccionamento de pagamento elixido polo contribuínte.
Lembre: se a declaración resultase a ingresar, o contribuínte poderá, de forma simultánea á presentación da declaración, domiciliar o ingreso, efectuar o inmediato pagamento electrónico (previa obtención do Número de Referencia Completa-NRC-), ou ben poderá obter un documento de ingreso que lle permitirá efectuar o pagamento nunha entidade colaboradora.
c) Declaración con resultado a ingresar cando se presenten con solicitude de adiamento ou fraccionamento, compensación, recoñecemento de débeda ou solicitude de pagamento mediante entrega de bens do Patrimonio Histórico Español.
O procedemento de presentación electrónica das autoliquidacións ás que se refire esta letra comporta unicamente a particularidade de que, unha vez finalizada a presentación da declaración, o declarante ou a persoa ou entidade autorizada a presentar por vía electrónica declaracións en representación de terceiras persoas obterá, ademais do código seguro de verificación, unha clave de liquidación de dezasete caracteres coa que, se o desexa, poderá solicitar nese mesmo momento, a través da ligazón habilitada para tal fin, o adiamento ou fraccionamento ou a compensación ou, se é o caso, o pagamento mediante entrega de bens do Patrimonio Histórico Español. Tamén poderá coa clave de liquidación presentar as devanditas solicitudes nun momento posterior na Sede electrónica da Axencia Estatal de Administración Tributaria en Internet, no enderezo electrónico «https://sede.agenciatributaria.gob.es», a través da opción ”Pagar, aprazar e consultar”, do apartado de Información e xestións.
Se se pretende efectuar o pagamento dunha parte da débeda total e, ao tempo, solicitar o adiamento ou fraccionamento, a compensación ou a solicitude de pagamento mediante entrega de bens do Patrimonio Histórico Español pola parte da débeda non ingresada, o contribuínte poderá obter o Número de Referencia Completo (NRC) da entidade colaboradora na forma prevista no apartado a) anterior para o suposto de autoliquidacións con resultado a ingresar, cando o pagamento non se realice mediante domiciliación bancaria. Cando confirme o borrador introducirá o NRC facendo constar, ademais, a opción ou opcións que exercerá posteriormente respecto da cantidade non ingresada.
Importante: en ningún caso, a presentación electrónica da declaración do IRPF terá, por si mesma, a consideración de solicitude de compensación, adiamento ou fraccionamento de débeda ou de solicitude de pagamento mediante a entrega de bens do Patrimonio Histórico Español.
d) Declaración con resultado a devolver ou negativo
O procedemento para a presentación destas declaracións é similar ao anteriormente comentado para as declaracións con resultado a ingresar, coa excepción de que non será preciso realizar a fase de comunicación coa Entidade colaboradora para a realización do ingreso e para a obtención do NRC asociado ao mesmo, nin a de domiciliación en Entidade colaboradora do ingreso.
O declarante deberá, se é o caso, cubrir ou confirmar o identificador único da conta, Código Internacional de Conta Bancaria (IBAN) e proceder á súa confirmación e presentación.
No caso de que se solicite a devolución nunha conta aberta no estranxeiro comunicaranse os datos identificativos da devandita conta bancaria.
Atención: en declaracións conxuntas formuladas por ambos os dous cónxuxes, para a súa presentación electrónica cumprirá, ademais, comunicar o NIF, así como o número de referencia ou “Cl@ve Móbil (inclúe Cl@ve PIN)” do cónxuxe. Con esta finalidade a Axencia Estatal de Administración Tributaria adoptará o correspondente protocolo de seguridade que permita garantir a identidade dos contribuíntes que efectúan a presentación.