Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2023.

Rectificación dos erros ou omisións padecidos en declaracións xa presentadas

Pode acontecer que, unha vez presentada a declaración do IRPF, xa consista esta nunha autoliquidación ou no borrador de declaración debidamente confirmado, o contribuínte advirta erros ou omisións nos datos declarados. A vía para a rectificación de tales anomalías é diferente, dependendo de que os erros ou omisións causasen un prexuízo á Facenda Pública ou ao propio contribuínte.

Erros ou omisións en prexuízo da Facenda Pública

O procedemento de regularización de situacións tributarias derivadas de erros ou omisións padecidas en declaracións xa presentadas que orixinasen un prexuízo á Facenda Pública, coméntase no Capítulo 18 no apartado "Regularización mediante a presentación de autoliquidación complementaria".

Erros ou omisións en prexuízo do contribuínte

Se o contribuínte declarou indebidamente algunha renda exenta, computou importes en contía superior á debida, esqueceu deducir algún gasto fiscalmente admisible ou omitiu algunha redución ou dedución ás que tiña dereito e, en consecuencia, produciuse un prexuízo dos seus intereses lexítimos, poderá solicitar a rectificación da devandita autoliquidación  de acordo co procedemento que se comenta no Capítulo 18.

Permítese solicitar a rectificación de autoliquidación do IRPF a través da propia declaración do imposto, cando o contribuínte cometese erros ou omisións que determinen unha maior devolución ao seu favor ou un menor ingreso, podendo realizarse esta solicitude de rectificación, para o período impositivo 2023, non só a través de Renda WEB senón tamén a través dos programas de presentación desenvolvida por terceiros.

Importante: cando o contribuínte queira presentar unha segunda declaración a través do programa de Renda WEB, con independencia do erro ou omisión de que se trate, deberá incorporar as modificacións que correspondan e marcar o recadro que se ofrece para tal fin desde a opción “Declaración complementaria/solicitude de rectificación de autoliquidación” avanzando a través do paxinado do programa ou ben desde o botón “Apartados da declaración ”, ao elixir a opción "Modificar declaración Renda 2023 xa presentada". Unha vez marcada, e incluído o resultado da declaración inicial, o programa, reconduciralle ao tipo de regularización que corresponda. Véxase capítulo 18 deste manual.