27. Prestacións e axudas familiares percibidas de calquera das Administracións públicas, xa sexan vinculadas a nacemento, adopción, acollemento ou coidado de fillos menores.
Normativa: Art. 7.z) Lei IRPF
Están exentas as prestacións e axudas familiares percibidas de calquera das Administracións úblicas, xa sexan vinculadas a nacemento, adopción, acollemento ou coidado de fillos menores.
Precisións:
-
As prestacións reguladas polo Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento, no sistema da Seguridade Social, da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave, considéranse rendas exentas.
A diferenza do anterior, esta exención non resulta aplicable ás retribucións que perciben os funcionarios públicos aos que se lles concedeu o permiso por coidado de fillo menor afectado por cancro ou outra enfermidade grave, previsto no art. 49.e) da derrogada Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, e do vixente Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, aprobado polo Real decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro.
A razón é que, mentres que o traballador non funcionario recibe realmente un subsidio ou axuda social en compensación á diminución do seu salario por redución da xornada de traballo, no caso do funcionario este continúa percibindo a totalidade das súas retribucións pese á redución da súa xornada de traballo. Resolución do TEAC, do 23 de xaneiro de 2013. Reclamación número 00/03071/2022/00/00, recaída en recurso extraordinario de alzada para a unificación de criterio, que confirma o criterio administrativo que se viña aplicando.
-
Considérase tamén exenta a prestación económica por exercicio corresponsable do coidado do lactante que regulan os artigos 183 a 185 do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real decreto Lexislativo 8/2015, do 30 de outubro.
Para delimitar axeitadamente esta exención teñase en conta a exención que se prevé para as retribucións por maternidade ou paternidade e asimiladas e as familiares non contributivas no artigo 7.h) da Lei do IRPF.