Base liquidable xeral e base liquidable xeral sometida a gravame
1. Determinación da base liquidable xeral
Normativa: Art. 50.1 e 3 Lei IRPF
A base liquidable xeral é o resultado de reducir a base impoñible xeral no importe das reducións ata agora comentadas neste mesmo Capítulo.
As reducións aplícanse a reducir a base impoñible xeral, na orde en que se comentaron, sen que esta poida resultar negativa como consecuencia de tales reducións.
Con esta finalidade a base liquidable xeral só pode ser negativa cando o sexa a base impoñible xeral por ser os seus compoñentes negativos superiores aos positivos. Nestes casos, non poderá aplicarse ningunha das reducións ata agora comentadas.
Se a base liquidable xeral resultase negativa nos termos anteriormente comentados, o seu importe deberá ser compensado cos das bases liquidables xerais positivas que se obteñan nos catro anos seguintes.
A compensación deberá efectuarse na contía máxima que permita cada un dos exercicios seguintes e sen que poida practicarse fóra do prazo, a que se refire o parágrafo anterior, mediante a acumulación a bases liquidables xerais negativas de anos posteriores.
Atención: os importes das bases liquidables xerais negativas dos exercicios 2019 a 2022 pendentes de compensar ao inicio do exercicio, os aplicados na declaración e o remanente pendente de aplicación en exercicios futuros así como o importe da base liquidable xeral negativa de 2023 que quede pendente de compensar nos 4 exercicios seguintes, deben facerse constar no anexo C.4 da declaración no apartado "Bases liquidables xerais negativas pendentes de compensar nos exercicios seguintes".
2. Determinación da base liquidable xeral sometida a gravame
A base liquidable xeral sometida a gravame é o resultado de efectuar sobre o importe do saldo positivo da base liquidable xeral do exercicio as compensacións de bases liquidables negativas procedentes de exercicios anteriores, sen que o devandito resultado poida ser negativo.
Estas bases liquidables xerais negativas unicamente poden ser as correspondentes aos exercicios 2019 a 2022.
Regras de compensación en tributación conxunta
Para os efectos das compensacións de bases liquidables negativas ten que terse en conta as seguintes regras:
-
No réxime de tributación conxunta serán compensables, de acordo coas normas xerais do IRPF, as bases liquidables xerais negativas realizadas e non compensadas polos contribuíntes compoñentes da unidade familiar en períodos impositivos anteriores en que tributasen individualmente.
-
En caso de tributación individual posterior, as bases liquidables xerais negativas determinadas en tributación conxunta serán compensables, exclusivamente, por aqueles contribuíntes a quen correspondan de acordo coas regras sobre individualización de rendas contidas na Lei do IRPF.