11. Recompra de elementos patrimoniais que orixinasen perdas computadas na declaración
Normativa: Art. 73.2 Regulamento IRPF
Nos supostos previstos no artigo 33.5, letras e) e g) da Lei do IRPF, cando o contribuínte realice a adquisición dos elementos patrimoniais ou dos valores ou participacións homoxéneas non admitidos a negociación nalgún dos mercados secundarios oficiais de valores definidos na Directiva 2014/65/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativa aos mercados de instrumentos financeiros e pola que se modifican a Directiva 2002/92/CE e a Directiva 2011/61/UE, con posterioridade á finalización do prazo regulamentario de declaración do período impositivo en que computou a perda patrimonial derivada da transmisión, deberá regularizar a súa situación tributaria.
Véxase, dentro do Capítulo 11, o tratamento das perdas patrimoniais derivadas de transmisións de elementos patrimoniais cando se volvan a comprar nun determinado prazo os mesmos elementos ou, no suposto de transmisión de valores ou participacións, cando se adquiran valores ou participacións homoxéneas.
Para iso, deberá presentar a correspondente autoliquidación complementaria no prazo que media entre a data en que se produza a adquisición e a finalización do prazo regulamentario de declaración correspondente ao período impositivo en que se realice a recompra do elemento patrimonial.
A devandita autoliquidación xerará xuros de mora que, se é o caso, serán liquidados pola Administración.
Atención: se a declaración complementaria responde a esta circunstancia o contribuínte deberá marcar cunha "X" o recadro [121] do apartado "Declaración complementaria" da declaración.