Novo réxime de tributación das vendas a distancia e ampliación do portelo único
O artigo décimo do Real Decreto-lei 7/2021, do 27 de abril, de transposición de directivas da Unión Europea nas materias de competencia, prevención do branqueo de capitais, entidades de crédito, telecomunicacións, medidas tributarias, prevención e reparación de danos ambientais, desprazamento de traballadores na prestación de servizos transnacionais e defensa dos consumidores, modifica a Lei 37/1992, do 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, para incorporar as modificacións derivadas da transposición da Directiva (UE ) 2017/2455 do Consello, do 5 de decembro de 2017, pola que se modifican a Directiva 2006/112/CE e a Directiva 2009/132/CE no tocante á determinadas obrigas respecto do Imposto sobre o Valor Engadido para as prestacións de servizos e as vendas a distancia de bens, con excepción do seu artigo 1 que foi obxecto de transposición pola Lei 6/2018, do 3 de xullo, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2018, e da Directiva (UE) 2019/1995 do Consello do 21 de novembro de 2019 pola que se modifica a Directiva 2006/112/CE no que fai ás disposicións relativas ás vendas a distancia de bens e a certas entregas nacionais de bens.
De forma adicional e culminando a transposición das directivas anteriores, apróbase o Real decreto 424/2021, do 15 de xuño, polo que se modifican o Regulamento do Imposto sobre o Valor Engadido, aprobado polo Real decreto 1624/1992, do 29 de decembro, o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, aprobado polo Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, e o Regulamento Xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, aprobado por Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo.
A transposición das directivas anteriores, cuxas normas son de aplicación desde o 1 de xullo de 2021, incluíu importantes modificacións no ámbito da tributación das entregas de bens que, adquiridos por consumidores finais, xeralmente a través de Internet e plataformas dixitais, son enviados polo provedor desde outro Estado membro ou un país ou territorio terceiro, e as prestacións de servizos efectuadas a favor de consumidores finais por empresarios non establecidos no Estado membro onde, conforme ás regras de localización do feito impoñible, quedan suxeitas ao Imposto sobre o Valor Engadido.
Por outra banda, para reducir as cargas administrativas e facilitar a recadación do Imposto, introdúcense no Capítulo XI do Título IX da Lei 37/1992, do 28 de decembro, tres novos réximes especiais de portelo único aos que poden opcionalmente acollerse os empresarios e profesionais, xeralmente non establecidos no Estado membro onde quedan suxeitas as operacións para a declaración e liquidación do Imposto sobre o valor Engadido reportado polas entregas de bens e prestacións de servizos efectuados a favor de consumidores finais establecidos na Comunidade.
As principais modificacións introducidas polo citado Real Decreto-lei e Real decreto con efectos 1 de xullo de 2021 son as seguintes:
-
A modificación do réxime comunitario de vendas a distancia mediante a creación dunha nova categoría de entrega de bens: as vendas intracomunitarias a distancia. O novo réxime implica a tributación en destino das vendas intracomunitarias a particulares, agás as efectuadas polas microempresas establecidas nun único Estado membro que realicen vendas intracomunitarias a particulares doutros Estados membros de forma ocasional, que tributarán no Estado membro de establecemento ata acadar o límite de 10.000 euros (IVE excluído) e no Estado membro de consumo unha vez excedido o límite anterior, coa posibilidade de optar pola tributación en destino aínda non superado o límite.
-
A implantación dun réxime especial de natureza similar ao réxime comunitario de vendas a distancia para as vendas de bens importados de países ou territorios terceiros, que incorpora unha exención na importación daqueles bens polos que o suxeito pasivo se acolla ao novo réxime de importación que se crea.
-
Elimínase a exención do IVE á importación para bens de escaso valor.
-
A implicación das plataformas dixitais na recadación do IVE reportado en determinadas vendas a distancia de bens importados e vendas localizadas no interior da Comunidade. Para iso, introdúcense as modificacións necesarias para consideraras suxeitos pasivos en determinadas operacións en que interveñan en que se considerará que reciben os bens do provedor e entréganos ao consumidor final. Con obxecto de evitar unha dobre imposición, a entrega do provedor á plataforma estará exenta e dará dereito a deducir.
-
A unificación do límite determinante da tributación en destino das vendas intracomunitarias a distancia e dos servizos de telecomunicacións, radiodifusión ou televisión e prestados por vía electrónica efectuada ou prestada polas microempresas establecidas nun único estado membro.
As modificacións anteriores complétanse coa ampliación, con efectos 1 de xullo de 2021, dos réximes de portelo único, mediante a substitución dos réximes especiais aplicables aos servizos de telecomunicacións, de radiodifusión ou de televisión e aos prestados por vía electrónica, polos seguintes:
-
O réxime exterior da Unión , aplicable aos servizos prestados por empresarios ou profesionais non establecidos na Comunidade a destinatarios que non teñan a condición de empresarios ou profesionais actuando como tales.
-
O réxime da Unión , aplicable aos servizos prestados por empresarios ou profesionais establecidos na Comunidade, pero non no Estado membro de consumo, a destinatarios que non teñan a condición de empresarios ou profesionais actuando como tales, ás vendas a distancia intracomunitaria de bens e ás entregas interiores de bens realizados nas condicións previstas no artigo 8 bis.b) da Lei do IVE.
-
O réxime de importación, aplicable ás vendas a distancia de bens importados de países ou territorios terceiros.
Como consecuencia dos cambios anteriores, o “Mini Portelo Único ”pasa a denominarse “Portelo Único ”ou “One-Stop Shop” (OSS) e créase a “Import One-Stop Shop” (IOSS), pasando a incluírse no portelo único desde o 1 de xullo de 2021, ademais dos servizos de telecomunicacións, radiodifusión ou televisión e os prestados por vía electrónica a consumidores finais, as seguintes operacións:
-
As vendas intracomunitarias a distancia de bens.
-
As vendas a distancia de bens importados.
-
Todos os servizos prestados a consumidores finais por empresarios ou profesionais non establecidos na Comunidade.
-
Todos os servizos prestados a consumidores finais por empresarios ou profesionais establecidos na Comunidade pero non no Estado membro de consumo.
-
As entregas de bens localizadas no interior da Comunidade cuxo suxeito pasivo sexa unha interface electrónica de acordo co que se dispón no 8.bis.b) da Lei do IVE.
Os novos réximes complétanse coa introdución dunha modalidade especial para a declaración e pagamento das importacións efectuadas por aqueles empresarios ou profesionais que, cumprindo determinados requisitos e tendo dereito a acollerse ao réxime de importación, non se acollan ao mesmo.