Saltar ao contido principal
Manual práctico IVA 2021

C) Concepto de importacións de bens

Están suxeitas ao IVA as importacións, calquera que sexa o fin a que se destinen e a condición do importador.

Teñen a consideración de importación:

  1. A entrada no interior do país dun ben que non cumpre as condicións dos arts.9 e 10 do Tratado constitutivo da CEE (hoxe, artigos 23 e 24 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea) ou, se se trata dun ben comprendido no ámbito de aplicación do Tratado constitutivo da Comunidade Europea do carbón e do aceiro, que non estea en libre práctica.

  2. A entrada no interior do país dun ben procedente dun territorio terceiro, distinto dos bens a que se refire o número anterior.

Non obstante, cando algún destes bens se coloque (cumprindo a lexislación) dende a súa entrada no territorio de aplicación do imposto nunha zona franca ou depósito franco e outros depósitos ou se vincule a un réxime aduaneiro e fiscal (con excepción do réxime de depósito distinto do alfandegueiro), a importación producirase cando o ben saia destas áreas ou abandone os réximes sinalados salvo que sexan obxecto dunha exportación ou dunha entrega intracomunitaria exenta.

Reciben o tratamento das importacións como operacións asimiladas a estas:

  1. Os buques que tivesen obtido a exención do IVA por afectación á navegación marítima internacional ou ao salvamento, á asistencia marítima ou á pesca costeira e incumpran os requisitos esixidos en relación coa exención. 

  2. As aeronaves que tivesen obtido a exención do IVA pola dedicación esencial á navegación aérea internacional e incumpran os requisitos esixidos en relación coa exención.

  3. As adquisicións realizadas no territorio de aplicación do imposto dos bens cuxa entrega, adquisición intracomunitaria ou importación previas se terían beneficiado da exención do IVA por réxime diplomático ou consular ou organismos internacionais.Esta exención non se aplica se os bens se transportan inmediatamente fóra da Comunidade.

  4. As saídas de zona franca, depósito franco e outros depósitos ou o abandono dos réximes aduaneiros ou fiscais dos bens cuxa entrega ou adquisición intracomunitaria para ser introducidos neles se tería beneficiado da exención, ou terían sido obxecto de entregas ou prestacións de servizos exentas.Nestes casos, tampouco se considerará operación asimilada ás importacións a saída destas áreas ou o abandono dalgún dos réximes sinalados cando os bens sexan obxecto dunha exportación ou dunha entrega intracomunitaria exenta.