Requisitos
A devolución das cotas de IVA soportadas nas adquisicións de bens por aqueles viaxeiros non establecidos no territorio da Comunidade, realízase mediante o reembolso das cantidades satisfeitas, sempre e cando cumpran os seguintes requisitos:
Que os viaxeiros teñan a súa residencia habitual fóra do territorio da Comunidade.A residencia habitual dos viaxeiros acreditarase mediante o pasaporte, un documento de identidade ou outro medio de proba admitido en dereito.
Que os bens adquiridos saian efectivamente do territorio da Comunidade.
Que o conxunto de bens adquiridos non constitúa unha expedición comercial, é dicir, que se trate de bens adquiridos ocasionalmente para uso persoal ou familiar ou para ser ofrecidos como regalos e que pola súa natureza e cantidade non poida presumirse a súa utilización comercial.
Que a adquisición dos bens estea documentada en factura.