Saltar ao contido principal
Manual práctico IVE 2023.

Contido

O modelo 390 correspondente á declaración-resumo anual de IVE divídese en trece apartados diferentes que facilitan a súa formalización:

  1. Suxeito pasivo: é o espazo destinado para a formalización dos datos identificativos do suxeito pasivo.

    Será preciso marcar os recadros correspondentes ao rexistro de devolución mensual, réxime especial de grupo de entidades para aqueles suxeitos pasivos incluídos nestes supostos, réxime especial do criterio de caixa e, se é o caso, información sobre a declaración de concurso de acredores.

  2. Devindicación: neste apartado indícase o ano ao que se refire a declaración. Neste apartado tamén se indica se a declaración que se presenta ten o carácter de substitutiva doutra anterior, cando este sexa o caso. Adicionalmente, recóllese un recadro para identificar se se trata dunha declaración substitutiva cando a causa da súa presentación sexa exclusivamente a rectificación de autoliquidacións do período obxecto de declaración por ser declarado en concurso de acredores.

  3. Datos estatísticos: realizarase unha breve descrición das actividades desenvolvidas, mencionarase o epígrafe do Imposto sobre Actividades Económicas e a cualificación estatística das actividades que realiza o suxeito pasivo (empresarial, profesional, arrendadora, agropecuaria), así como o feito, cando este sexa o caso, de que se trata de actividades non suxeitas ao Imposto sobre Actividades Económicas. No suposto de suxeitos pasivos que non están dados de alta no IAE e non iniciasen a realización de entregas de bens ou prestacións de servizos correspondentes a actividades empresariais ou profesionais, indicarase esta circunstancia.

    Así mesmo, indicarase se efectuou no ano operacións polas que teña obriga de presentar a declaración anual con terceiras persoas.

    En caso de acharse acollido ao procedemento de presentación conxunta das autoliquidacións, hai que consignar os datos da entidade que asumise a presentación das declaracións.

  4. Datos do representante e sinatura da declaración: no caso de que o suxeito pasivo sexa unha comunidade de bens, unha herdanza xacente ou unha entidade carente de personalidade xurídica ou se, tratandose dunha persoa física, actúa por medio de representante, deberán consignarse os datos do mesmo.

    Se se trata dunha persoa xurídica, indicarase os datos dos seus representantes legais.

  5. Operacións realizadas en réxime xeral: este apartado está dedicado a efectuar a liquidación do imposto correspondente a aquelas operacións que non estean incluídas no réxime simplificado e polas que o suxeito pasivo deba realizar autoliquidación do imposto.

    A estrutura da liquidación do IVE reportado efectúase seguindo os distintos réximes en que pode tributar o suxeito pasivo: xeral, criterio de caixa, bens usados, obxectos de arte, antigüidades e obxectos de colección, axencias de viaxes, indicando separadamente as bases impoñibles gravadas a cada un dos tipos impositivos vixentes e as cotas reportadas. Os suxeitos pasivos que opten por aplicar o réxime especial avanzado do grupo de entidades previstas no artigo 163 sexies.cinco da LIVE , consignarán de forma separada as operacións intragrupo en que a base impoñible se valorará ao custo, de acordo co que se establece no artigo 163 octies da devandita Lei.

    Farase constar o IVE reportado nas adquisicións intracomunitarias de bens e servizos e por investimento do suxeito pasivo.

    Consignaranse de forma separada as modificacións de bases e cotas de exercicios gravados a tipos impositivos diferentes, ou se se produciron modificacións por concurso de acredores ou créditos incobrables, ou se as modificacións de bases e cotas corresponden a operacións intragrupo.

    Por último, consignarase de forma separada a base, o tipo e a cota da recarga de equivalencia reportada naquelas operacións cuxos destinatarios sexan suxeitos pasivos sometidos a este réxime especial, así como as modificacións nos mesmos casos anteriormente mencionados.

    No referente ao IVE deducible, desagrégase en bens e servizos correntes e bens de investimento, separando o procedente de adquisicións de bens e prestacións de servizos interiores, adquisicións intracomunitarias e importacións, así como o das operacións intragrupo.

    Tamén se indicará o importe das compensacións satisfeitas a suxeitos pasivos acollidos ao réxime especial da agricultura, gandaría e pesca, así como as rectificacións das deducións e das deducións por operacións intragrupo, a regularización por bens de investimento adquirido en períodos anteriores incluíndose, se é o caso, a regularización de deducións anteriores ao inicio da realización de entregas de bens ou prestacións de servizos correspondentes a actividades empresariais ou profesionais e a regularización pola aplicación da porcentaxe definitiva de pro rata.

  6. Operacións realizadas en réxime simplificado: do mesmo xeito que no réxime xeral, no apartado destinado ao réxime simplificado realizarase a liquidación do IVE das actividades acollidas ao devandito réxime especial, sempre que exista obriga de presentar esta declaración-resumo.

    Hai que ter en conta que están exonerados de presentar o modelo 390 os empresarios ou profesionais que tributando só en territorio común estean acollidos ao réxime simplificado exclusivamente e / ou que ademais realicen exclusivamente a actividade de arrendamento de bens inmobles urbanos (ou actividades polas que non exista obriga de presentar autoliquidacións periódicas). Neste caso, os suxeitos pasivos deberán cubrir o apartado específico reservado para estes fins no modelo 303 correspondente ao último período de liquidación do ano en relación coas actividades económicas e, se é o caso, sobre a porcentaxe de pro rata aplicable, sectores diferenciados e porcentaxes de tributación a varias Administracións, así como o detalle do volume total de operacións realizadas no exercicio.

    Indicarase o epígrafe de cada unha das actividades desenvolvidas polo suxeito pasivo neste réxime como cabeceira da columna correspondente á actividade que se pretende liquidar. De seguido, indicarase na mesma orde que aparecen na Orde Ministerial que os aproba, as unidades de cada módulo empregadas, de tal forma que se o módulo que aparece en terceiro lugar non se emprega, porase cero; así como a cota reportada por operacións correntes que resulte. A continuación, indicarase o importe das cotas soportadas ou satisfeitas no exercicio por operacións correntes; os índices correctores, o porcentaxe de cota mínima correspondente á actividade; o importe da devolución das cotas do IVE soportado noutros países, se é o caso, e a cota mínima. Finalmente, indicarase a cota derivada do réxime simplificado da actividade.

    Nun cadro separado indicaranse as actividades agrícolas, forestais e gandeiras acollidas a este réxime simplificado, o volume de ingresos, o índice de cota a ingresar que aparece na Orde Ministerial de aprobación de módulos, a cota reportada, as cotas soportadas e finalmente a cota derivada do réxime simplificado destas actividades.

    Seguindo o esquema liquidatorio, efectuarase a suma de todas as cotas derivadas do réxime simplificado das actividades desenvolvidas e engadirase o IVE reportado nas adquisicións intracomunitarias realizadas no exercicio, así como o das entregas de activos fixos e o reportado por investimento do suxeito pasivo.

    Do IVE total reportado, deducirase o IVE soportado na adquisición de activos fixos e, se é o caso, se procede, a regularización de bens de investimento.

  7. Resultado da liquidación anual: este apartado só será cumprimentado por aqueles suxeitos pasivos que tributen exclusivamente en territorio común:

    • Recadro 658: Nos casos en que se producise unha modificación da base impoñible por parte do suxeito pasivo dunha operación que resulta total ou parcialmente non-pagada, o destinatario da operación que teña a condición de empresario ou profesional e aplicase pro rata, deberá consignar no recadro correspondente á regularización de cotas do artigo 80.Cinco.5ª da LIVE, o importe correspondente ás cotas soportadas que non puido deducirse e de que resulta debedor fronte á Facenda Pública.

    • Recadro 84: Deberase indicar o sumatorio das liquidacións efectuadas no réxime xeral (recadro 65) e no réxime simplificado (recadro 83) ao que se engadirá o importe do recadro 658.

    • Recadro 659: Os suxeitos pasivos que optasen polo adiamento do IVE á importación nos termos do artigo 74.1 do Regulamento do Imposto sobre o Valor Engadido, farán constar o importe correspondente ás cotas do IVE á importación liquidada pola Aduana e ingresadas a través das autoliquidacións mensuais do imposto.

    • Recadro 85 : Consignarase o importe das cotas pendentes de compensación xerada en exercicios anteriores e aplicados no exercicio (é dicir, que se consignasen no recadro 78 dalgunha das autoliquidacións do período).

    • Recadro 86: Farase constar o resultado da liquidación que será o importe resultante de restar á suma dos recadros (84) e (659) o importe do recadro (85).

    Exemplo 1:

    Resultado1er trimestre2º trimestre3er trimestre4º trimestre
    IVE reportado 1000 1100 0 0
    IVE soportado 800 500 500 200
    Cotas períodos anteriores (110) 1000 800 200 700
    Cotas exercicios anteriores aplicadas (78) 200 600 0 0
    Cotas pendentes exercicios posteriores (87) 800 200 200 700
    A ingresar --- --- --- ---
    A compensar --- --- 500 200

    Ao termo do exercicio o contribuínte dispón dun saldo a compensar de 900:

    • Xerados en exercicios anteriores e non aplicados no exercicio: 200

      • Cotas a compensar exercicios anteriores (inicio do exercicio): 1.000

      • Aplicadas no 1T: (200)

      • Aplicadas en 2T: (600)

      • Pendentes ao final do exercicio: 200

    • Xerado no 3er trimestre: 500 e non aplicado a ningunha autoliquidación posterior

    • Xerado no 4º trimestre: 200 (non inclúe os importes xerados no 3T nin os xerados en exercicios anteriores e non aplicados)

    Recadro 85: 800 (importe cotas a compensar procedentes exercicios anteriores aplicados durante o exercicio)

    Recadro 95: 0

    Recadro 97: 200

    Recadro 662: 500

  8. Tributación por razón do territorio: este apartado só encherano aqueles suxeitos pasivos que deban tributar conxuntamente á Administración do Estado e a algunha das Deputacións Forais do País Vasco ou Navarra. Farase constar a porcentaxe definitiva das operacións realizadas no territorio de cada unha das administracións e o resultado da liquidación anual atribuíble ao territorio común, que será o sumatorio das liquidacións efectuadas en réxime xeral e en réxime simplificado, así como, se é o caso, o importe das cotas regularizadas de acordo co artigo 80.Cinco.5ª da LIVE, multiplicado pola porcentaxe correspondente ao territorio común, ao que se adicionará, se é o caso, as cotas correspondentes ao IVE á importación liquidada pola Aduana nos casos en que os suxeitos pasivos optasen polo adiamento do IVE á importación nos termos do artigo 74.1 do Regulamento do Imposto sobre o Valor Engadido, e minorarase, se é o caso, pola cantidade correspondente á compensación de cotas do exercicio anterior atribuíble igualmente ao territorio común.

  9. Resultado das liquidacións: farase o cálculo do importe das liquidacións periódicas con resultado a ingresar realizadas no exercicio. Así mesmo, se a última declaración do exercicio resulta a compensar ou a devolver, indicarase cal foi o seu importe.

    Se aplica o réxime especial do grupo de entidades, e ten obriga de presentar este modelo 390 como consecuencia de non ter a obriga de presentar a autoliquidación correspondente ao último período do exercicio, consignará os resultados positivos e negativos das autoliquidacións do exercicio (modelo 322).

    O recadro 662 do modelo 390 ten por obxecto reflectir as cotas que hai que compensar xeradas no exercicio nalgún dos períodos de liquidación distinta do último, cando non estean incluídas no recadro 97 do mesmo modelo 390, é dicir, cando non se trasladasen ao resto de períodos de liquidación do exercicio.

    Exemplo 1:

    Resultado1er trimestre2º trimestre3er trimestre4º trimestre
    IVE reportado 100 0 0 0
    IVE soportado 0 200 0 500
    Cotas períodos anteriores (110) 0 0 200 200
    Cotas exercicios anteriores aplicadas (78) 0 0 0 0
    Cotas pendentes exercicios posteriores (87) 0 0 200 200
    A ingresar 100 --- --- ---
    A compensar --- 200 --- 500

    Ao termo do exercicio o contribuínte dispón dun saldo a compensar de 700:

    • Xerado no 2º trimestre: 200 e non trasladado a ningunha autoliquidación posterior

    • Xerado no 4º trimestre: 500 (non inclúe os 200 xerados no segundo trimestre)

    Recadro 95: 100

    Recadro 97: 500

    Recadro 662: 200

    No resumo anual, modelo 390, os 200 euros pendentes de compensación ao termo do exercicio que non están incluídas na autoliquidación do último período de liquidación deben informarse no recadro 662.

    Exemplo 2:

    Resultado1er trimestre2º trimestre3er trimestre4º trimestre
    IVE reportado 100 0 400 0
    IVE soportado 0 200 0 500
    Cotas períodos anteriores (110) 200 100 300 0
    Cotas exercicios anteriores aplicadas (78) 100 0 300 0
    Cotas pendentes exercicios posteriores (87) 100 100 0 0
    A ingresar --- --- 100 ---
    A compensar --- 200 --- 500

    Recadro 85: 200

    Recadro 95: 100

    Recadro 97: 500

    Recadro 662: ---

    Exemplo 3:

    Resultado1er trimestre2º trimestre3er trimestre4º trimestre
    IVE reportado 100 0 0 0
    IVE soportado 0 200 0 500
    Cotas períodos anteriores (110) 200 100 300 300
    Cotas exercicios anteriores aplicadas (78) 100 0 0 0
    Cotas pendentes exercicios posteriores (87) 100 100 300 300
    A ingresar --- --- --- ---
    A compensar --- 200 --- 500

    Recadro 85: 100

    Recadro 95: ---

    Recadro 97: 500

    Recadro 662: 200

    No resumo anual, modelo 390, os 200 euros pendentes de compensación ao termo do exercicio que non están incluídas na autoliquidación do último período de liquidación deben informarse no recadro 662.

    Os importes aplicados da compensación de exercicios anteriores (100 euros) deben informarse no recadro 85.

  10. Volume de operacións: neste apartado solicítase ao suxeito pasivo que clasifique as operacións suxeitas ao IVE realizado no exercicio dependendo do réxime empregado: xeral, simplificado, criterio de caixa, etc., as entregas intracomunitarias exentas, as exportacións e outras operacións exentas con dereito a dedución e as operacións exentas sen dereito a dedución. Finalmente, solicítase información daquelas operacións que non forman parte do volume de operacións por non ser habituais.

    Polo que se refire ás «operacións en réxime xeral» (recadro 99), farase constar o importe total, excluído o propio IVE e, se é o caso, a recarga de equivalencia, das entregas de bens e prestacións de servizos, efectuadas polo suxeito pasivo durante o ano natural en réxime xeral de IVE. Hai que ter en conta que para determinar o volume de operacións das entidades que opten polo réxime avanzado do Réxime especial do grupo de entidades deberase consignar o importe da base impoñible que resulte da aplicación do que se dispón nos artigos 78 e 79 da LIVE.

    Non obstante, deben excluírse as seguintes operacións:

    • As operacións realizadas desde establecementos permanentes situados fóra do territorio de aplicación do imposto, cando os custos relativos ás devanditas operacións non sexan soportados por establecementos permanentes situados dentro do mencionado territorio.

    • Os autoconsumos de bens comprendidos nas letras c) e d) do número 1º do artigo 9 da Lei do IVE.

      Tampouco se incluirán neste recadro 99 as operacións exentas do imposto, que deberán incluírse nos recadros 103, 104 e 105, nin as operacións incluídas nos recadros 110, 125, 126, 127, 128 e 653.

  11. Operacións específicas: consignaranse os importes de certas operacións que, a pesar de ser incluídas en apartados anteriores, pola súa importancia merecen especial atención. Tales operacións son as seguintes:

    • Adquisicións interiores exentas.

    • Adquisicións intracomunitarias exentas.

    • Importacións exentas.

    • Bases impoñibles do IVE soportado non deducible.

    • Operacións suxeitas e non exentas que orixinan o dereito á devolución mensual.

    • Determinadas operacións vinculadas a operacións triangulares.

    • Servizos localizados no territorio de aplicación do IVE por investimento do suxeito pasivo.

    Adicionalmente neste apartado débese incluír exclusivamente por aqueles suxeitos pasivos acollidos ao réxime especial do criterio de caixa e se é o caso por aqueles que sexan destinatarios de operacións afectadas polo mesmo:

    • Importes das entregas de bens e prestacións de servizos ás que habendolles sido aplicado o réxime especial do criterio de caixa resultasen reportadas conforme á regra xeral de devindicación (artigo 75 da LIVE ).

    • Importe das adquisicións de bens e servizos ás que sexa de aplicación ou afecte o réxime especial do criterio de caixa conforme á regra xeral de devindicación (artigo 75 da LIVE).

  12. Pro ratas: este apartado cubrirano, exclusivamente, os suxeitos pasivos do IVE que apliquen a regra de pro rata por realizar operacións con dereito a dedución e outras sen dereito a dedución. Con esta finalidade, para cada actividade farase constar o código do CNAE que lle corresponda, o importe total das operacións correspondentes á devandita actividade, o importe das operacións que xeren o dereito á dedución correspondente a tal actividade, o tipo de pro rata (xeral ou especial) e a porcentaxe definitiva de pro rata que corresponda.

  13. Actividades con réximes de dedución diferenciada: no caso de que o suxeito pasivo realice actividades con réximes de dedución diferenciada, indicarase neste apartado a desagregación do IVE deducible de cada un dos sectores diferenciados.