Extracción de depósito fiscal de gasolinas, gasóleos e biocarburantes destinados a ser usados como carburante
A disposición final primeira da Lei 7/2024, do 20 de decembro, engadiu un apartado undécimo ao anexo da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, polo que se establece a obrigatoriedade de constituír unha garantía de ingreso do Imposto sobre o Valor Engadido correspondente a determinados carburantes que abandonan o réxime de depósito distinto do aduaneiro, non sendo que o último depositante ou, se é o caso, o titular do depósito fiscal, teña recoñecida a condición de operador económico autorizado ou operador confiable.
Non se esixirá a obriga de garantir o ingreso do IVE correspondente á entrega suxeita e non exenta posterior á saída de depósito fiscal durante o mes seguinte á entrada en vigor da orde ministerial pola que se regule o procedemento para recoñecer a condición de operador confiable.
A Orde HAC/1496/2025, do 17 de decembro, que regula o procedemento para recoñecer a condición de operador confiable, e a creación e mantemento dun rexistro de operadores confiables, a que se refire o apartado undécimo do anexo da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2026, polo que, desde o 1 de febreiro de 2026, o último depositante ou o titular do depósito fiscal no caso de que sexa o propietario, estará obrigado a constituír e manter unha garantía do ingreso do IVE correspondente á entrega suxeita e non exenta que se faga con posterioridade á extracción de depósito fiscal das gasolinas, gasóleos e biocarburantes destinados a ser usados como carburante.
A garantía poderá consistir nunha das seguintes:
-
Aval de entidade de crédito, institución financeira ou compañía de seguros acreditados na Unión Europea, que garanta de forma global o ingreso do IVE correspondente ás entregas suxeitas e non exentas que se fagan posteriormente.
-
Pagamento a conta do Imposto sobre o Valor Engadido correspondente a unha entrega suxeita e non exenta que se faga posteriormente dos devanditos bens.
Pode consultar as particularidades relativas á extracción de depósito fiscal de gasolinas, gasóleos e biocarburantes destinados a ser usados como carburante no seguinte apartado do Capítulo 3 deste Manual práctico.