Función redistributiva do gasto público
A Constitución española proclama no seu artigo 1.1 que “España constitúese nun Estado social e democrático de Dereito”. É nese carácter social onde se fundamenta o principio de equidade ou de xustiza do gasto público e a súa función redistributiva.
Nunha sociedade de libre mercado como a nosa prodúcense desigualdades que o mercado por si mesmo non resolve e, por iso, a Constitución prevé a intervención do Estado, na súa dimensión social, para tratar de corrixiras. A este papel activo refírese o artigo 9.2 cando di que “Corresponde aos poderes públicos promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas...”. Trátase de favorecer a igualdade de oportunidades entre todos os cidadáns, con independencia das situacións individuais de partida.
Estes grandes valores concrétanse despois noutros preceptos constitucionais.
O apartado 2 do artigo 31 da Constitución Española establece que "O gasto público realizará unha asignación equitativa dos recursos públicos...” Este artigo, ao establecer o principio de equidade do gasto público, atribúe ao mesmo unha importante función redistributiva, pois a asignación equitativa dos recursos públicos significa que todos os cidadáns teñen dereito a beneficiarse por igual dos bens e servizos públicos, independentemente da súa capacidade económica para contribuír mediante o pagamento de impostos á obtención dos recursos necesarios para a prestación daqueles . Este principio de equidade ou de xustiza supón a garantía dunha satisfacción mínima das necesidades públicas e a ausencia de toda discriminación ou arbitrariedade.
O artigo 40.1 do texto constitucional contén así mesmo un mandato aos poderes públicos para que procuren unha distribución da renda máis xusta, ao establecer que “Os poderes públicos promoverán as condicións favorables para o progreso social e económico e para unha distribución da renda rexional e persoal máis equitativa...”
Esa función redistributiva significa que a través do gasto público, é dicir, mediante o investimento dos recursos públicos na realización de determinadas prestacións e servizos, lévase a cabo unha transferencia de renda cara aos sectores sociais máis febles economicamente, co fin de compensar a situación de desigualdade, asegurando así unha convivencia xusta e en paz social.