Análise económica
A conta de resultados constitúe, pola natureza da información que ofrece, o estado contable relevante para a análise económica.
A estrutura en fervenza adoptada para a conta de resultados contribúe de forma decisiva á eficacia da análise, xa que permite illar a renda global ou valor engadido xerado na explotación e diferenciar entre o resultado (bruto e neto) de explotación, o resultado financeiro, o resultado antes de impostos que inclúe os resultados de explotación e o resultado financeiro, e o resultado despois do pagamento do Imposto sobre sociedades.
As ratios deste apartado utilizan exclusivamente información da conta de resultados. Para o total de sociedades non financeiras incluiuse unha representación gráfica da Taxa do valor engadido e a Taxa de gastos de persoal por comunidade autónoma e sector e por dimensión e sector; para as denominadas Grandes e as de Reducida dimensión os gráficos que aparecen son por sector ou por comunidade autónoma.
- Taxa de valor engadido (TVA)
Defínese como a porcentaxe que representa o valor engadido con respecto á produción e sintetiza, polo tanto, a capacidade de xeración de rendas por unidade de produto.
- Taxa de gastos de persoal (TGP)
Defínese como a proporción que os gastos de persoal representan con respecto ao valor engadido e mide a participación do emprego asalariado no reparto da renda xerada na empresa. O seu complementario é a taxa de resultado ou excedente bruto de explotación, non incluída dada a súa facilidade de cálculo (100-TGP).
- Margen bruto de explotación (MBE)
Defínese como a proporción que o resultado bruto de explotación representa con respecto á cifra de negocios e é a medida básica ou primaria da rendibilidade da explotación desde a óptica da empresa.
O resultado bruto de explotación debe ser suficiente para dotar amortizacións e provisións, cubrir as cargas financeiras, liquidar o imposto sobre sociedades, dotar fondos de autofinanciamento (reservas) e proporcionar unha axeitada remuneración aos accionistas (dividendos).
- Rendibilidade económica (REC)
É a porcentaxe que representa o beneficio económico ou beneficio operativo (antes de pagar os intereses das débedas, é dicir os gastos financeiros) co capital total investido (activo real). A esta ratio tamén se lle denomina rendibilidade do investimento. O activo real calcúlase como activo total neto de provisións a longo e curto prazo.
- Rendibilidade financeira (RF)
É a porcentaxe que representa o resultado antes de impostos (RAI) con respecto aos recursos propios netos (Patrimonio Neto).
Pode considerarse como a medida da rendibilidade desde a perspectiva do propietario ou accionista xa que inclúe a totalidade dos resultados, con independencia da súa orixe.