Saltar ao contido principal
Metodoloxía

Análise financeira

A análise financeira céntrase no estudo de distintas ratios que miden o grao de solvencia ou insolvencia das empresas, permitindo comprobar se o financiamento por razón do seu custo é correcta para manter un desenvolvemento estable en condicións de rendibilidade axeitada.

Desde a perspectiva financeira, dous son os problemas que se lle propón ao colectivo empresarial analizado: un, elixir os medios financeiros máis axeitados en función do custo dos mesmos e das posibilidades do mercado financeiro; outro, a elección entre alternativas de investimento o suficientemente rendibles para facer fronte ao pagamento das obrigas implícitas no financiamento do devandito investimento. De aí, que o equilibrio financeiro se obteña cando, unha vez decididos os investimentos necesarios, díspónse dos recursos necesarios no momento preciso e ao menor custo posible.

A diferenza da análise económica, que toma como punto de partida a conta de Perdas e Ganancias Analíticas e que mide as rendibilidades xeradas no desenvolvemento da actividade empresarial, a análise financeira baséase no Balance para o estudo da estrutura patrimonial e das fontes de financiamento.

Unha característica común das ratios financeiros é a gran variabilidade que presentan ao longo do tempo; isto é debido a que as empresas contan cunha ampla marxe de actuación para cambiar os medios de financiamento dispoñibles e a súa estrutura patrimonial. Pola contra, as ratios económicas son moito máis ríxidas (a excepción da taxa de resultados atípicos e o rendemento financeiro) debido a que están intimamente ligados ao proceso produtivo, cuxas posibilidades de cambio son reducidas.

  • Ratio de tesourería (RT)

É a porcentaxe que representa a suma do activo corrente con respecto ao pasivo corrente. Esta ratio mide as posibilidades de facer fronte ás obrigas de pagamento a curto prazo.

  • Ratio do fondo de manobra (RFM)

O fondo de manobra defínese como o montante de recursos financeiros permanentes necesarios para poder levar a cabo con normalidade as operacións de natureza corrente, e calcúlase como saldo diferencial entre o activo corrente e o pasivo corrente entre o pasivo fixo composto polo patrimonio neto e o pasivo non corrente.

Un valor negativo desta ratio supón que parte do inmobilizado finánciase con débedas a curto prazo, o que poría ao colectivo analizado nunha situación difícil.

  • Ratio de endebedamento (REF.)

Este cociente relaciona as débedas totais da entidade (acredores totais) cos recursos propios netos e é o inverso á ratio de autonomía financeira non dado nesta estatística. Calcúlase como a porcentaxe do pasivo minorado nas provisións entre o patrimonio neto.

A taxa de endebedamento é elevada en colectivos que acoden maioritariamente a fontes externas de financiamento dos investimentos.

Esta ratio e o de autonomía financeira presentan valores negativos naqueles sectores con recursos propios netos negativos.