Saltar ao contido principal
Exercicio 2018

Introdución

En 2018 os ingresos tributarios acadaron a cifra de 208.685 millóns de euros, o que supuxo un crecemento do 7,6 %. Este incremento está afectado polo cambio que se produciu a mediados de 2017 nas datas de presentación do IVE dos contribuíntes acollidos ao sistema de Subministración Inmediata de Información (SII) e que desprazou ingresos de 2017 a 2018. Se se corrixe este desprazamento, os ingresos medrarían un 5,4%.

As causas principais do crecemento dos ingresos foron dous: o aumento das bases impoñibles e os positivos resultados da declaración anual do IRPF.

As bases impoñibles dos principais impostos medraron un 6,1% en 2018, case un punto por riba do crecemento rexistrado o ano anterior, e superando en nivel, por primeira vez, o máximo acadado en 2007. Aínda que a tendencia da actividade real foi a baíxaa ao longo do ano (como o testemuñan, entre outros indicadores, o PIB real, a afiliación, as vendas totais deflactadas das Grandes Empresas e o número de perceptores de salarios nas mesmas), en termos nominais o perfil foi distinto, sobre todo canto ás bases impoñibles. Así, no segundo semestre produciuse, por un lado, un crecemento adicional das rendas grazas ás subidas de salarios e pensións públicas aprobadas canda os Orzamentos de 2018 en xullo e á mellora dos beneficios, e, por outro, un impulso das bases ligadas ao gasto como consecuencia das subidas de prezos, especialmente nos produtos enerxéticos.

O resultado da evolución das bases foi un aumento dos ingresos por retencións do traballo, por pagamentos fraccionados no Imposto sobre Sociedades e polo IVE que explican, entre os tres, un 90% do crecemento rexistrado en 2018.

O resto do crecemento debeuse, basicamente, aos bos resultados que se produciron na declaración anual do IRPF ao liquidar o imposto de 2017 (e, polo tanto, ligados a rendas xeradas nese ano) e que se traduciron nun forte incremento dos ingresos e no mantemento do importe das devolucións realizadas.