3. O Imposto sobre Sociedades
En 2018 os ingresos tributarios polo Imposto sobre Sociedades medraron ata os 24.838 millóns, un 7,3% máis do recadado en 2017. Os pagamentos fraccionados, que son o principal compoñente do imposto, medraron un 11,7% (en especial nos grupos consolidados) pola boa marcha dos beneficios e o maior peso do pagamento mínimo dentro dos devanditos pagamentos. O crecemento do imposto viuse freado polo aumento das devolucións, tanto as da declaración anual das campañas liquidadas no ano, como as procedentes de actuacións de control.
Estímase que a base impoñible consolidada do Imposto sobre Sociedades medrou en 2018 un 12,8%, aumento practicamente igual ao que se prevé para os beneficios (12,9 %). En ambos os dous casos supéranse os rexistros de 2017 (7,3% e 9,9%, respectivamente) (Cadro 3.1). A previsión faise en función dos pagamentos fraccionados declarados por parte das Grandes Empresas e grupos fiscais que son os contribuíntes obrigados a ingresar pagamentos a conta polos beneficios obtidos ao longo do ano. Da análise destes pagamentos (Cadro 3.2) conclúese que a mellora que se observou nos mesmos concentrouse nuns poucos grupos consolidados, mentres que no resto de empresas os beneficios fóronse moderando segundo avanzaba o ano.
Como se sinalaba no informe do ano pasado, nestes anos estábase culminando o proceso de recuperación dos beneficios tras a crise que comezou en 2008, ademais cunha conformación dese beneficio moi distinta (con máis parte real e menos financeira) de que se observaba nos anos 2006 e 2007 (Cadro 8.4). Coa información dispoñible, en 2017 xa se acadaría o nivel de beneficios máximo que se lograra en 2007, e en 2018 superaríase. Isto, como tamén se sinalou entón, non supuña que se recuperasen coa mesma intensidade a base impoñible e o imposto, como se pode comprobar nos Cadros 3.1 e 8.5 e mostra o Gráfico 3.1.
Estímase que o tipo efectivo do Imposto sobre Sociedades aumentou en 2018 un 2% (Cadro 3.1). Non houbo cambios normativos, de maneira que a variación se debe aos efectos composición (as bases das empresas con maior tipo efectivo medran máis).
Prévése que o Imposto sobre Sociedades reportadas medre en 2018 un 15,1% (11,1% sen a cota diferencial que se presentará en xullo; Cadro 3.1). Dos 3.200 millóns adicionais que supón este crecemento, preto do 80 %corresponde aos pagamentos fraccionados e o resto procede da menor cota diferencial negativa e do aumento das retencións de capital mobiliaria.
O compoñente principal do imposto son os pagamentos fraccionados que medraron un 11,9% en 2018. O comportamento destes pagamentos foi moi distinto nos diferentes colectivos de contribuíntes (Cadro 3.2). Nas Grandes Empresas e grupos consolidados, que tributan de acordo aos seus beneficios, o aumento dos pagamentos acadou o 13,5% (18,3% en grupos e 5,4% nas empresas non pertencentes a grupos), moi por riba do conseguido en 2017. A mellora produciuse de forma moi concentrada nos grupos (Gráfico 3.2) e, en particular, nun número reducido dos mesmos; no resto de empresas o crecemento de 2018 foi inferior ao de 2017. Hai que destacar, ademais, o aumento da achega do pagamento mínimo. Pola súa banda, os pagamentos nas pemes (que tributan segundo a última cota anual presentada) medraron un 2,3%, o que supuxo unha forte contracción con respecto ao crecemento dos tres anos anteriores.
Como se vén sinalando nos últimos anos, o feito de que o pagamento fraccionado nas Grandes empresas e grupos teña un pagamento mínimo en función do resultado contable ten implicacións na forma en que se ingresa o imposto (máis pagamentos fraccionados e cota diferencial negativa; Gráfico 3.3) e no importe das solicitudes de devolución (canto maior é a achega dese pagamento, maior tenden a ser as solicitudes de devolución; Gráfico 3.4). E todo iso afecta ao axuste entre devindicación e caixa (os pagamentos ingrésanse o ano da devindicación, pero as devolucións solicítanse ao ano seguinte e páganse entre ese ano e o posterior), axuste que, de forma agregada para todo o imposto, figura no penúltimo bloque do Gráfico 3.5.
Os ingresos tributarios medraron un 7,3% (Cadro 3.1). Unha diferenza tan avultada co crecemento do imposto reportado explícase, ademais de polas diferenzas conceptuais habituais, polo adiantamento do ritmo de realización das devolucións que se produciu en 2018 con respecto ao ano anterior. Se se corrixe ese elemento, o crecemento dos ingresos sería do 12,8 %, cifra máis próxima á devindicación.
Disto e da análise do imposto reportado, dedúcese que os dous elementos que determinaron a traxectoria do imposto en 2018 foron os elevados crecementos dos pagamentos fraccionados (11,7 %; Cadro 3.2) e das devolucións (14,1 %; Cadro 7.2), os primeiros vinculados maioritariamente ao comportamento dos beneficios en 2018 e as segundas ligadas ás declaracións e liquidacións de anos anteriores. Con respecto a estas últimas, hai tres razóns que explican un crecemento tan elevado en 2018: o forte incremento que se deu nas devolucións solicitadas da campaña de 2016, a maior parte das cales se fixeron nos primeiros meses de 2018 (Cadro 3.3); o adianto no ritmo de realización das devolucións correspondentes ao exercicio 2017 (solicitadas a partir de xullo de 2018 e cuxo importe foi aproximadamente o mesmo que no ano anterior) (Cadro 3.3); e o aumento das devolucións derivadas das liquidacións practicadas pola Administración (Cadro 7.2).