5. Os Impostos Especiais
Os ingresos tributarios por Impostos Especiais (II.EE.) medraron un 1,1% con respecto a 2017 ata acadar os 20.528 millóns. Medraron o Imposto sobre Hidrocarburos (3 %), sobre Electricidade (3,5 %) e sobre Cervexa (1,8 %). O resto viu descender os seus ingresos, destacando en particular, pola intensidade da caída, o Imposto sobre o Carbón (-13,1 %) e, pola súa importancia dentro do conxunto, o Imposto sobre Labores do Tabaco (-1,4 %).
O consumo dos produtos suxeitos a II.EE. medrou en todas as figuras (Cadro 5.1). No Imposto sobre Hidrocarburos, as gasolinas e os gasóleos, que son os principais produtos suxeitos, medraron un 2,4%, lixeiramente por riba do incremento de 2017 (2,1 %), grazas ao repunte do gasóleo bonificado. No Imposto sobre Labores do Tabaco o crecemento (1,6 %) contrasta coa forte caída de 2017 (-6,6 %), aínda que esta era consecuencia exclusivamente do episodio de acaparamento que se viviu en decembro de 2016 tras a última subida de tipos. O mesmo pode dicirse dos consumos no Imposto sobre Alcohol e Bebidas Derivadas (1,4% en 2018 fronte ao-5,2% en 2017). No Imposto sobre a Electricidade o aumento dos consumos (1,9 %) tivo tamén un compoñente excepcional pola existencia dun mes en 2017 cunha facturación inferior á habitual. Finalmente, no Imposto sobre a Cervexa o incremento do consumo estímase no 2,3 %, taxa inferior á media de arredor do 3,5 %dos últimos catro anos.
Canto aos prezos, os produtos enerxéticos medraron a un ritmo similar ao de 2017, moi alto no caso dos hidrocarburos (9,2%, Cadro 9.1) e máis moderado (2,2%, Cadro 5.6) no caso da electricidade. En ambos os dous, as subidas concentráronse na segunda metade do ano. No resto das figuras as subidas rondaron o 1% (Cadros 5.2, 5.3 e 9.2). A relativa estabilidade dos incrementos de prezos e o repunte dos consumos supuxo que o gasto en produtos gravados por II.EE. pasase de medrar un 4,7% en 2017 a facero un 6,8% en 2018 (Cadro 1.3).
En 2018 os tipos legais mantivéronse sen cambios, agás nalgúns hidrocarburos de pouca importancia cuantitativa no conxunto do imposto. Trátase do gas natural, o gasóleo e o fuel óleo utilizado na xeración de enerxía eléctrica que pasaron a estar exentos a raíz da entrada en vigor do RDL15 /2018, de medidas urxentes para a transición enerxética e a protección dos consumidores. Os tipos efectivos si que tiveron algunha variación (Cadro 5.1), en Hidrocarburos e Cervexa como consecuencia do diferente crecemento dos distintos produtos suxeitos, e en Electricidade e Labores do Tabaco fundamentalmente polas subidas de prezos.
Os II.EE. reportados medraron un 1,9% en 2018, por riba do 0,2 %de 2017 (Cadro 5.1). Dada a práctica estabilidade dos tipos, a mellora explícase polo repunte dos consumos debidos, en boa medida, á recuperación dos consumos de alcohol e tabaco tras o negativo comportamento que tiveran en 2017. Todas as figuras medraron, agás o Imposto sobre Produtos Intermedios, case testemuñal, e o Imposto sobre o Carbón que rexistrou unha forte diminución ao compararse co elevado nivel de ingresos de 2017 consecuencia da utilización do carbón como substituto da enerxía hidráulica naquel ano de seca.
En 2018 o Imposto sobre Hidrocarburos reportados medrou un 1,8%, menos que en 2017 (2,6 %; Cadro 5.4). A causa principal do menor crecemento foi o descenso do consumo de gas natural, fundamentalmente pola súa menor utilización na produción de enerxía eléctrica. A este feito súmase a eliminación, ao final do ano, do imposto para o gas natural, o gasóleo e o fuel óleo usado na xeración de enerxía eléctrica, introducida, como se dixo, polo RDL 15/2018. Nos produtos de maior consumo, gasolinas e gasóleo, o crecemento en 2018 foi algo superior ao de 2017 (2,4% e 2,1%, respectivamente). A mellora produciuse polo repunte no consumo dos gasóleos bonificados, ligados estreitamente á situación climatolóxica. En cambio, o consumo de gasolinas e o gasóleo de automoción, con máis vinculación á conxuntura económica, mostrou un crecemento máis moderado que en 2017. A novidade en 2018 foi a perda de peso dentro do consumo de gasolinas e gasóleo de automoción deste último. A porcentaxe de gasóleo de automoción dentro do conxunto de gasolinas e gasóleo de automoción medrou desde pouco máis do 50 %en 1995 ata un máximo do 81,3 %en 2016-2017; en 2018 esa porcentaxe reduciuse, por primeira vez desde 1995, arredor de medio punto.
O Imposto sobre Labores do Tabaco aumentou un 2,4% en 2018, fronte á caída (-4,8 %) de 2017 (Cadro 5.5). O cambio, como se explicou, debeuse ás anomalías nas saídas a consumo a finais de 2016 que distorsionaron o comportamento normal da serie. Se se analiza con perspectiva a evolución de consumos e imposto, obsérvase que ambos os dous están practicamente estabilizados desde 2013, os primeiros con 2.100 millóns de paquetes e 39,5 millóns de quilos ao ano, e os segundos con 6.600 millóns de euros. Se acaso nos dous últimos anos apreciaríanse uns resultados lixeiramente inferiores a ese solo que parecen acadar consumos e imposto. O escaso crecemento dos prezos, canda a tendencia a baíxaa desde 2014 dos produtos distintos dos cigarros, reforzou a evolución comentada.
O Imposto sobre a Electricidade reportado medrou case 3,5 puntos máis que en 2017 (Cadro 5.6). Practicamente dous puntos proceden do crecemento do consumo, cero en 2017 e preto do 2 %en 2018. Este crecemento, porén, está máis relacionado coas irregularidades que se produciron en maio de 2017 na facturación dalgunhas empresas que cunha mellora xenuína do consumo. O resto do maior crecemento en 2018 procedeu do comportamento do tipo efectivo sobre a base impoñible que, a diferenza de 2017, subiu lixeiramente. Hai que lembrar que, aínda que os tipos legais se manteñen inalterados desde que se implantou este imposto, os tipos efectivos poden variar por dous motivos: as variacións que se producen nas reducións a grandes consumidores e outros sectores con consumo intensivo de electricidade, e os cambios nos prezos. Neste caso, os prezos non tiveron ningún papel no repunte do imposto porque, a pesar das subidas observadas na segunda metade do ano, no conxunto do ano o incremento foi algo inferior ao de 2017.
No referente aos impostos relacionados co alcohol, o Imposto reportado sobre o Alcohol e Bebidas Derivadas recuperouse (1,4 %) tras a caída de 2017 provocada polo episodio de acaparamento de finais de 2016. (Cadro 5.2). Pola súa banda, o Imposto sobre a Cervexa medrou (3,1 %) a un ritmo inferior ao de 2017 (Cadro 5.3) pola moderación que mostraron os consumos, mentres o tipo efectivo volvía subir, indicativo, dada a estabilidade das tarifas, dun desprazamento do consumo cara a variedades de maior graduación alcohólica.
Por último, o Imposto sobre o Carbón reportado diminuíu un 15,1%. A razón principal foi o elevado nivel que acadou o imposto en 2017 en plena seca. Non obstante, o imposto reportado en 2018 quedou próximo á media do período 2014-2017 (275 millóns anuais).
En 2018 os ingresos tributarios por Impostos Especiais acadaron os 20.528 millóns, un 1,1% máis que en 2017. As pequenas diferenzas coa devindicación, concentradas en tabaco e alcohol, son consecuencia aínda dos desprazamentos a 2017 dos elevados ingresos reportados nos últimos meses de 2016, tras as últimas subidas de tipos.